Foz, 4 de Abril, 2022. Unha nena resultou ferida despois de que o autobús no que viaxaba sufrise un accidente tras interceptar un animal na vía, en Foz. No vehículo viaxaban preto de cincuenta persoas e cubría a liña de Asturias a Viveiro.
O suceso tivo lugar preto das dúas e media desta madrugada na N-642 preto de Polígono de Barreiros. Foi, a esa hora, cando o condutor do bus chamou ao 112 Galicia para informar do accidente. Segundo confirmaba aos xestores de emerxencias, unha meniña precisaría de asistencia sanitaria despois de levar un golpe tras impactar o vehículo co animal.
Axiña, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112 Galicia) puxo o suceso en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Barreiros, dos membros do GES de Cervo e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico así como o persoal de mantemento da estrada, que se encargaron de recuperar as condicións de seguridade na vía.