Ugia Pedreira, A Pedreira, naceu en Vilaronte (Foz ), nas terras a Mariña e a xeoloxía cultural desta comarca, e de toda a zona de fala eonaviega ou galego-asturiana, marcan profundamente esta singular compositora e intérprete.
“Muller poliédrica, salvaxe, rebelde e sofisticada, co don da palabra escrita e cantada, compositora sublime”, segundo palabras de Uxía, A Pedreira é unha mestura explosiva de serenidade e paixón, unha cantora das de verdade, unha voz que invoca a xustiza; a voz negra da música galega, unha das máis importantes, plurais e versátiles do panorama musical galego, o que fai de cada unha das súas presentacións públicas un acontecemento.
O novo disco de Ugia Pedreira titúlase Segmento Cantábrico e nel trae ar fresco do norte, o vento da súa travesía; un elegante equilibrio entre instrumentos máis orgánicos combinados coa música electrónica vintage, achegando un minipoemario. Baixo o título Atalaia Norte, nel A Pedreira plasma a inspiración que desde nena lle proporciona a conexión por vía marítima coas tribos, clans e pobos bañados polo Océano Cantábrico, desde Ortegal na Galiza , á illa de Ouessant, na Bretaña francesa.
O traballo mestura spoken word, poesía e canción; un álbum de composición folk, de folk progresivo, que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outros sabores da world music europea e do folk americano
Letras, poemas da propia artista, do pintor e poeta vigués afincado en Londres Enrique Gavilanes, das Follas Novas de Rosalía de Castro, da poeta do Val de Lourenzá Marina Oural, do escritor Carvalho Calero e a poeta Xela Arias, compoñen este traballo no que a bipolaridade do orgánico e o tecnolóxico, os extremos, os límites, as marxes, a música como curación, o aproveitamento e o consumo responsábel dos recursos cotiáns están expostos.