O litoral de Barreiros presenta unha interesante xeodiversidade que soe pasar desapercibida, un patrimonio natural que nos axuda a entender a historia do planeta terra. Así poderase coñecer como se crean as furnas e arcos que se presentan ao longo desta franxa costeira e que recordan aos da coñecida Praia das Catedrais. Falarase tamén das diversas rochas que atopamos ao longo do percorrido e da súa xénese.
Descubriremos curiosos espazos nos que se preservan restos de primitivos arrecifes de coral e mesmo unha turbeira con restos fósiles de milleiros de anos de antigüidade.
O turismo xeolóxico é unha modalidade que contribúe a poñer en valor a identidade dun territorio, pois as súas características xeolóxicas inflúen na variedade e disposición da flora e fauna así como na paisaxe e cultura dunha rexión.
As inscricións levaranse a cabo exclusivamente a través do correo electrónico turismo@concellodebarreiros.gal e o prazo para anotarse estará aberto dende o venres 8 de abril ata as 12.00h do venres 15. As persoas interesadas poden ampliar a información sobre esta actividade na web municipal do Concello de Barreiros www.concellodebarreiros.gal (sección “Noticias”). Para calquera consulta poden contactar coa Oficina de Turismo municipal, teléfono 982 134 400. Actividade gratuíta e prazas limitadas suxeitas a variacións en función dos posibles cambios nas medidas de prevención da Covid-19.
Dende o Concello animan a participar nesta enriquecedora iniciativa destinada tanto a residentes como visitantes.