Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo terá unha senda costeira entre a praia de Rochas Brancas e a nova depuradora de Vilaselán e outro treito en Piñeira, na zona de Areosa

Ribadeo, 22 de abril de 2022. O Concello creará unha senda costeira entre a praia de Rochas Brancas ata despois da depuradora nova de Vilaselán e un treito mais en Piñeira, na zona de Areosa. O proxecto, para o que solicitou unha subvención de 77.000 euros á Reserva de Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, contempla 8,6 hectáreas de ámbito de actuación. Esta nova senda costeira terá unha lonxitude de 1,7 quilómetros, segundo deu a coñecer nesta xornada o edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz Freije.

O concelleiro ribadense declarou que “estamos moi ilusionados con este proxecto que queremos levar adiante: é medioambiental, recreativo e deportivo, integrador coma outros que xa se fixeron nas marxes da ría de Ribadeo e no paseo das Aceas. Trátase da ruta costeira do Cantábrico, un sendeiro moi utilizado que adoecía de continuidade desde a praia de Rochas Brancas ata despois da depuradora nova de Vilaselán. Tampouco tiña continuidade nun punto bastante importante da costa da parroquia de Piñeira, un tramo na zona de Areosa”.

Díaz Freije subliñou que “para iso levamos tempo traballando con técnicos municipais e con outros; e logramos compromisos de propietarios, que nos cederon voluntariamente superficies para que este proxecto tivera continuidade e facer esta senda costeira. Agora pretendemos darlle á cidadanía a posibilidade de descubrir este entorno, este lugar da costa que é marabilloso, dunha maneira accesible. Para isto solicitamos unha subvención a través da Reserva da Biosfera, que ten axudas económicas a través de fondos europeos, tramitadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia”.

O edil de Medio Ambiente dixo que “este proxecto é ambicioso, son 77.000 euros para 1,7 quilómetros de senda en total, entre o tramo de Piñeira e do de Rochas Brancas a Vilaselán. Leva un plan de actuación de erradicación e control de especies, tanto exóticas como invasoras, e o mantemento e mellora do hábitat, tanto de árbores mortas como das ribeiras e dos cantís e hai que sumarlle zonas afectadas por comportamentos incívicos, con lixo tirado, etcétera. O ámbito de actuación será dunhas 8,6 hectáreas”.

E engadiu: “é unha actuación moi importante e ambiciosa por parte do Concello e queremos que a Xunta nos apoie neste proxecto moi interesante para a natureza, evidentemente, para o entorno de Ribadeo e para que a xente coñeza esta zona tan fermosa”.

Ata esa nova senda costeira se desprazaron nas últimas horas os concelleiros de Medio Ambiente, Medio Rural, Turismo e Obras, Jorge Díaz, Marcos Villamil, Pablo Vizoso e Mónica Freire.

Exit mobile version