Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo continúa consolidándose como referente turístico, cun 90% de ocupación de xoves a sábado na Semana Santa

Ribadeo, 18 de abril de 2022. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, amósase moi satisfeito polo resultado da campaña de Semana Santa. A ocupación hoteleira superou o 90% de xoves a sábado, as autorizacións para acceder ás Catedrais esgotáronse o venres e o sábado e 3.861 persoas solicitaron información nas oficinas de turismo ribadenses.

O edil ribadense dixo que “Ribadeo amosou nesta pasada Semana Santa a súa mellor imaxe cunha altísima afluencia tanto de visitantes como de turistas. Nas oficinas de turismo, tanto do centro da vila como da praia das Catedrais, que estiveron abertas tódolos días dende o 8 de abril, rexistráronse un total de 3.861 persoas solicitando información sobre o noso concello e a contorna”.

Vizoso Galdo contou que “a maior parte destas visitas, un 57%, concéntranse entre o xoves e o domingo, como é lóxico, pero é de destacar tamén a elevada porcentaxe nos días previos aos festivos o que demostrase o atractivo de Ribadeo, que continúa a consolidarse como referente turístico da cornixa cantábrica galega”.

O concelleiro de Turismo referiuse á procedencia dos visitantes: “analizando a procedencia de quen nos visitou observamos que máis do 90 % procede do Estado español, principalmente de Euskadi, Madrid, Galicia e Castela e León. E no restante, destaca a procedencia dende Francia na praia das Catedrais e de Alemaña no centro da vila. Principalmente tratábase de parellas ou unidades familiares compostas por 3 ou 4 persoas que se desprazaron no seu propio vehículo e tamén segue incrementándose a modalidade de grupos formados por entre 7 e 10 persoas. Ademais rexistrouse o aumento de visitas ou turistas en grupos organizados achegándose as oficinas de turismo de Ribadeo”.

Sobre a ocupación hostaleiro Pablo Vizoso subliñou que “superou o 90% nos días centrais (xoves, venres e sábado) e algúns establecementos incluso estiveron ao 100 %. Tamén hai que destacar que o resto dos días a ocupación situouse en torno ao 80%. Consideramos que son datos moi favorables e que redundan en beneficio do sector servizos da nosa vila”.

O edil de Turismo e Comercio manifestou que “como xa ocorrera no verán e noutros anos nas Catedrais esgotáronse o venres e o sábado as autorizacións para acceder ao areal e o resto dos días presentou unha afluencia de visitantes moi elevada. E tamén se notou un incremento de peregrinos nestes días pasados sobre todo nos albergues da vila”.

Vizoso Galdo engadiu que “as visitas guiadas organizadas polo Concello durante toda esta semana polo traxecto do Ribadeo Indiano e do Ribadeo Ilustrado e tamén as diferentes Xeorutas dos Arcos e da Ría estiveron en tódolos pases completas de asistencia, o que demostra a moi boa aceptación que están tendo este tipo de iniciativas”.

O balance da Semana Santa é moi positivo: “dende o Concello de Ribadeo amosámonos moi satisfeitos polo resultado desta campaña de Semana Santa, que ven a ser o anticipo ou o preludio da época estival e quero agradecer o esforzo e o traballo do persoal das diferentes Áreas do Concello que colaboraron en facelo posible”.

Exit mobile version