Site icon Crónica3.com A Mariña

“Redes e outras artes”, por Miguel X. García Rodríguez

Resulta curioso o carácter melancólico que transmiten algunhas cancións, fotos, recordos ou vídeos que saen día a día nas redes sociais e noutros sitios web. Sen ir máis lonxe, a propia páxina de Facebook do Concello de Xove ou a mesma web oficial fai gala desa citada melancolía a miúdo con vídeos doutras épocas que se publican e volven a publicar con frecuencia; contido que está moi ben e forma parte da nosa historia como vila. No medio deses vídeos e reportaxes fotográficos atopámonos coa visita de Belinda Washington a nosa vila e algún que outro comentario na páxina dalgún diario deportivo; esta mesma semana pasada foi publicada nos medios do Concello de Xove a comparecencia do alcalde con membros da súa corporación na praza do Concello para promover o “éxito” do servizo de “Coidados porta a porta”.

Que é o que cremos nós? Pois cremos que ese servizo, un autobús con profesionais que bota 3 días na praza estase a utilizar para disfrazar o acelerado desmantelamento do sistema galego de saúde.

Que é o que queremos nós? Pois que o Alcalde, representando á veciñanza, alzara a voz ante a Consellería de Sanidade da Xunta, e lles dixera que a escasos 50 metros dese autobús temos un centro de saúde saturado, que acumula días nos últimos meses nos que só conta con unha única médica, un centro no que unha cita para consulta presencial pasa dunha semana a maioría das veces; e todo isto pasa por defectos graves dunha consellería que obriga ós sanitarios atender a nosa saúde do mesmo xeito que o Feijóo “goberna” a Xunta, por teléfono.

Non podemos entender que a súa posición non estea cos veciños, mais si que ten que ser complicado para un alcalde seguir defendendo o presidente que fai un ano proclamaba o “Galicia, Galicia, Galicia” e agora sente envexa pola liberdade que se respira en Madrid e o tan importante que é no Estado a comunidade autónoma de Andalucía mentres os galegos pasamos por unha das máis grandes crises dos últimos anos.

Pois si, un autobús que bote 3 días na praza do Concello non pode axudar a baixar as interminables listas de espera en especialistas e intervencións no Hospital da Mariña e moito menos tapar a nula xestión do Sergas nos 365 días do ano. Ese autobús sería máis axeitado que fora utilizado para levarnos a probas e consultas a Lugo ou outras cidades pois por desgraza, cada día somos máis os que temos que ir buscar a “sanidade” fóra da nosa comarca, coma se foramos cidadáns de segunda ou de terceira. Ese autobús… que só ten permitida a entrada a persoas maiores de 55 anos pero que non trouxo pediatra en continuo para Xove, ese autobús…

Que máis atopamos nós nas redes? Pois pouca cousa. Cómpre recordar, con melancolía tamén; cando o inicio da lexislatura o mesmo alcalde incidiu no esforzo que a corporación entregaría o sector turístico, garantindo un prometedor futuro neste eido e considerando necesaria a dedicación parcial de máis dunha concelleira; nada máis lonxe da realidade, en toda esta semana coa comarca chea de actos e eventos culturais e gastronómicos Xove volve quedar o marxe, os veciños sentimos con profunda tristura que outra vez máis temos que saír da nosa vila para facer algo diferente no tempo libre, o comercio e hostalaría vive momentos duros coa rabia e a impotencia de que nada se está a facer dende a corporación para captar visitantes cando as vilas veciñas están ata arriba de turismo.

Temos que seguir esperando pola aposta no turismo como tamén polo porto deportivo de Morás que xa foi prometido hai 15 anos; pola ampliación dun polígono industrial que fai tempo se quedou pequeno, pola reapertura da cafetaría do Centro Cívico que non chega, polo comezo das obras do prometido parque multideportivo, pola aposta contra o abandono das parroquias, sen saneamento e só contrarrestado con pistas e muros de pedra, e un longo etcétera de promesas que nos fan sospeitar que chegados a esta altura da lexislatura ben poden esperar un aniño para arrimarse un pouco máis ás eleccións do ano que ven.

Nós seguiremos loitando para que estas promesas non queden só na melancolía e no recordo das redes, e sigamos vivindo no mundo real.

Miguel X García Rguez. Concelleiro BNG Xove

Exit mobile version