Esta Feira de Primavera Xove, que se celebra en Viveiro hoxe, terá seis datas máis entre os meses de abril e maio. O vindeiro día 7 será en Lalín; o día 8 terá lugar nos concellos de Curtis, Pontedeume, Carballo e Vilalba; o día 22 en Noia e Betanzos; o 28 de abril será en Ourense; o 29 en Vilagarcía de Arousa e Chantada; e o 6 de maio celebrarase en Tui a última destas feiras.
Cómpre recordar que Primavera Xove está conformada por tres formatos de acción diferentes que se desenvolverán durante dous meses e que están dirixidos a ofrecer alternativas de ocio a mozas e mozos a partir dos 14 anos. A oferta desta nova edición distínguese entre as Feiras Primavera Xove nos 12 espazos xoves dependentes da Xunta de Galicia; o programa de Semana Santa e de fin de semana en albergues xuvenís e os encontros formativos e de networking nos campus universitarios, que hoxe abriron a súa inscrición para anotarse.
Estadías de fin de semana
Con respecto as estadías de fin de semana ofértanse un total de 600 prazas en distintas instalacións, como o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo), o albergue xuvenil As Sinas (Vilanova de Arousa), o albergue Marina Española (Sada), o albergue xuvenil Area (Viveiro), o campamento xuvenil de Pontemaril (Forcarei), o albergue xuvenil Lug 2 (Lugo), a Residencia de Tempo Libre do Carballiño ou a estación de montaña de Manzaneda (A Pobra de Trives). As persoas ás que se lles adxudique unha praza deberán aboar un prezo de 25 euros para as actividades de fin de semana e de 150 euros para as de Semana Santa.
Actividades nos campus universitarios
Así mesmo, cada xornada nos campus universitarios, dirixidas á mocidade de 18 a 30 anos, estará enfocada nun ámbito concreto e os relatores serán profesionais galegos de relevancia en cada un dos eidos. Concretamente, ofertaranse 5 tipos de actividades diferentes, que percorrerán os campus da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense ao longo de 5 mércores dos meses de abril e maio. As temáticas das accións serán as seguintes: Innovación e innovadores no mundo dixital, Medioambiente e sostibilidade, Educación emocional, Talento mozo e Cultura e creatividade.
Para obter máis información sobre a programación da iniciativa Primavera Xove: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/22957-primavera-xove-2022