Lugo, 28 de abril de 2022. Ante as declaracións realizadas polos socialistas da Mariña sobre Altri, o PP da provincia de Lugo manifesta:
– Lamentamos que os socialistas da Mariña decidisen ver como un problema e unha mala noticia un gran proxecto para a provincia de Lugo e, por suposto, para esta comarca.
– É o mundo ao revés, porque esta iniciativa suporá novas oportunidades para esta comarca: permitirá consolidar e facer crecer un sector estratéxico como é a industria forestal.
– Non se entende que os socialistas da Mariña non vexan neste proxecto unha oportunidade, pero menos aínda que mintan só para xerar confunsión e malestar entre os veciños e veciñas.
1) Menten cando din que o Parlamento galego e a Xunta non cumpriron o seu compromiso, cando o certo é que a localización finalmente elixida pola empresa para a fábrica de fibras téxtiles é a provincia de Lugo.
2) E por suposto menten cando aseguran que se dixo que a fábrica se situaría na Mariña, porque non era posible falar dunha localización final da fábrica ata que a empresa fixese o seu estudo de viabilidade: tras avaliar 46 emprazamentos distintos por toda Galicia, entre eles a zona da Mariña, Altri determinou que o lugar idóneo era Palas de Rei. De feito, segundo xa explicou a propia empresa, A Mariña non reunían os requisitos técnicos que precisa o proxecto.
– Polo tanto, o Parlamento galego, incluído o voto a favor do PSdeG, defendeu a instalación da planta na provincia de Lugo e que, no caso de que fose técnicamente viable, a primeira opción fose A Mariña -é dicir, dita localización sempre quedaba condicionada ao resultado do estudo de Altri-.
– Coa súa actitude, os socialistas da Mariña parece que o que buscan é que finalmente non se leve adiante este proxecto e a provincia de Lugo perda a oportunidade de contar cun proxecto que suporía un investimento histórico de 800 millóns de euros e a xeración de 2.500 empregos entre directos e indirectos.
– Que opinarán os socialistas de Palas de Rei e da comarca da Ulloa sobre as declaracións dos socialistas da Mariña? Que opinarán na dirección do PSdeG? Todos coincidiron en aplaudir o proxecto e avalan a localización escollida pola empresa por criterios absolutamente técnicos. Todos, menos os socialistas da Mariña, dispostos a mentir e xerar confusión, pretendendo coa súa actitude cuestionar un proxecto que xerará enormes oportunidades en toda a cadea de valor do sector forestal da Mariña e de toda a provincia de Lugo.