Marta Rey, interesouse tamén na sesión plenaria, polo inicio das obras que une a zona rural co centro de Ribadeo. A vía provincial, que vai a Vilela, dotarase de beirarrúas no paso sobre as vías do ferrocarril, unha estrada importante que transcorre polas parroquias do rural como son Ove, Cubelas, Arante e Cedofeita. Ademais demandou o arranxo da estrada do faro “aproveitando que se vai a construír o carril bici, parécenos moi necesario que se mellora esta vía de comunicación tan utilizada pola veciñanza”.
A Voceira Socialista tamén se interesou pola promoción turística de Ribadeo. “O Ribadeo Indiano parécenos unha aposta turística de primeiro nivel na nosa provincia, por iso, demandamos coñecer a data prevista da súa celebración e xa nos avanzaron que será na segunda fin de semana de xullo”.
Rey interveu para coñecer as previsións do Concello sobre a ubicacion do mercado dos mércores. “Dende o Grupo Socialista, como xa defendemos noutras ocasións, entendemos que o mercado debería regresar a súa ubicación orixinal tal e como demandan os parceiros, é dicir á Praza de Abastos. O concelleiro de turismo dixo que a intención do Goberno sempre foi a de que o Mercado regresase arredor da Praza de Abastos. Estaremos expectantes para que se cumpra o que demandan os seus usuarios”, dixo.
A Voceira preguntou sobre a chegada de refuxiados ucraínos ao Concello, “onde nos contestaron que é importante facelo polos cauces oficiais, e que non se ten constancia da chegada ningún refuxiado á nosa vila”.
Moción de sanidade hipócrita e oportunista
E por último no que se refire á moción presentada polo PP sobre a sanidade. “Queremos lembrar que a taxa de reposición co goberno socialista está nun 120%, co do PP nun 10%. Significa que co PSOE de cada 10 profesionais que se xubilan entran 12 a traballar, co PP entra un. Ademais, Feijóo deixou de convocar nos últimos anos 151 Prazas Mir”, advirten dende o PSdeG.
Por último hai que sinalar que “a Xunta é a institución competente para a contratación en Sanidade, e dende o 2009 onde gobernaba o famoso bipartito que tanto lles gusta nomear, perdéronse en Galicia case 1000 postos sanitarios”, critican.
Por todo iso os socialistas pregúntanse porque non reclamaron estas melloras cando gobernaba o PP de Rajoy. “Estamos a favor como sempre fixo o Partido Socialista dunha sanidade pública, digna para todos, pero non compartimos sacarlle rédito político e sobre todo cunha actitude tan hipócrita e oportunista como fai o PP de Ribadeo”.