Abadín, 5 de abril de 2022. O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz criticou hoxe o talante antidemocrático do Alcalde e de todo o seu goberno, xa que foi incapaz de debater unha soa proposta socialista na pasada sesión plenaria.
Coñecer as previsións sobre o investimento do Plan Único da Deputación de 337.055 euros, promover axudas para o pago do recibo da luz ou dar solución aos problemas de recepción do sinal da TV nas nosas parroquias non son unha prioridade para o PP de Abadín, como así quedou demostrado na sesión plenaria celebrada a semana pasada. Ante todas estas demandas presentadas polo Grupo Socialista o único que fixo o Alcalde foi calar e mirar cara outro lado, solucións cero.
Pablo Díaz dixo que Rancaño “non permitiu o uso da palabra para debater as propostas que presentamos no pleno, e tampouco contestou as numerosas preguntas formuladas e rexistradas pendentes de plenos anteriores. Polo tanto, consideramos unha falta de respecto esta actitude de ninguneo, non só de cara a oposición, senón tamén de cara a veciñanza que non poden coñecer cuestións municipais actuais que son de interese para todos e todas”, advirte.
O voceiro socialista emprazou ao Alcalde e o seu equipo “ a cambiar esta actitude completamente despota sobre as propostas que fai a oposición nas sesións plenarias. Deberían ler as nosas iniciativas para comprobar que son propostas en positivo que redundan na mellora da calidade de vida da veciñanza así como na mellora e dotación dos nosos servicios públicos”, insistiu.
Dende o PSdeG de Abadín vamos a seguir traballando
“Por iso queremos remarcar que dende o PSdeG vamos a seguir traballando como ata de agora polo futuro de Abadín, non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres perdemos servizos. A veciñanza quere explicacións sobre onde gasta o Concello os nosos impostos, e por iso, vamos a seguir preguntando para saber que pasa no noso Concello. Abadín merece un futuro mellor que non estea lastrado pola inacción constante do Goberno do PP”, resumiu Pablo Díaz.