Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o xerente, Jesús Pérez, explica que “no dia de hoxe vimos de recibir a resolución do Concello de Ribadeo pola que os nosos asociados contarán con 2 horas mais de autorización para poder traballar nas principais datas de festexos e afluencia turística. Grazas a esta autorización, tramitada por Acisa ante o Concello de Ribadeo, estamos a falar de que nas datas indicadas, os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00; e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.
E engade que “coa chegada da ansiada normalidade á hostalaría dende Acisa puidemos recuperar estas ampliacións horarias tan importantes ao noso entender, xa que grazas a elas estamos a beneficiar aos nosos socios con dúas horas mais para poder traballar despois de dous anos tan complicados. Cabe destacar de forma especial que no 2019, a ampliación horaria que se conseguira da Xunta fora de 1 hora, e agora a ampliación horaria é de 2 horas”.
Pérez Prada subliña que “desta ampliación horaria pódense beneficiar unicamente os asociados de Acisa Ribadeo, xa que nos encargamos dende a entidade de xestionalo. A Policía Local conta co listado dos establecementos que se poden beneficiar desta ampliación horaria, que son como digo os socios de Acisa, así como con copia da autorización emitida”.
Sobre as datas desta ampliación indica que “os asociados de Acisa Ribadeo contan cunha copia da autorización, xa que dende hoxe mesmo e durante toda a Semana Santa, van poder desfrutar delas. Deste xeito en abril serán as madrugadas do 8 ao 9, do 9 ao 10, do 10 ao 11, do 11 ao 12, do 12 ao 13, do 13 ao 14, do 14 ao 15, do 15 ao 16 e do 16 ao 17 con motivo da Semana Santa. En maio, do 13 ao 14, do 14 ao 15, do 15 ao 16 e do 16 ao17, con motivo da celebración das Letras Galegas. En xuño do 23 ao 24, do 24 ao 25 e do 25 ao 26 polo San Xoán. En xullo do 24 ao 25 e todas as madrugadas dos venres e sábados. En agosto as madrugadas do 14 ao 15, do 15 ao 16, do 16 ao 17 e todas as de venres e sábados. En setembro, do 4 ao 5, do 5 ao 6, do 6 ao 7, do 7 ao 8, do 8 ao 9, do 9 ao 10 e do 10 ao 11 con motivo das festas patronais de Ribadeo. En outubro do 28 ao 29, do 29 ao 30 e do 30 ao 31 e do 31 de outubro a o 1 de novembro pola celebración de tódolos santos. En decembro as madrugadas do 2 ao 3, do 3 ao 4, do 5 ao 6, do 6 ao 7,do 7 ao 8, do 8 ao 9 do 9 ao 10, do 10 ao 11 pola da ponte da Constitución, e todas as madrugadas dende o 22 de decembro ao 6 de xaneiro con motivo do Nadal”.
Pérez conclúe: “sen dúbida recuperamos un servizo como é o da ampliación de horarios para os nosos asociados, moi demandado, e que forma parte dunha das grandes vantaxes de ser asociado a Acisa Ribadeo”.
Ribadeo, o centro comercial coas mellores vistas
Dende a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Ribadeo informan que “dende hai días temos en marcha a campaña Ven ó centro comercial aberto de Ribadeo, co propósito de promocionar Ribadeo coma un destino turístico para esta Semana Santa. Os principais esforzos están enmarcados na promoción en redes sociais, prensa escrita e dixital así coma en radios, chegando principalmente a potenciais visitantes de Galicia, Asturias e Castela e León”.