Lugo, 27 de abril de 2022. O cambio na xestión da Residencia de Trabada, que desde o pasado mes de febreiro, coxestiona Troncoso servizos sociosanitarios e a Deputación de Lugo non mellorou a situación e deficiencias denunciadas cando a xestión recaía na Deputación de Lugo e Mensaxeiros da Paz.
O Sindicato de Técnicos de Enfermeiría denunciou, novamente, ante a Inspección de Traballo as condicións nas que os traballadores da citada residencia levaban a cabo as súas funcións e que supoñen, en moitas ocasións, un déficit da atención aos residentes.
O cambio na xestión non mellorou nin as condicións laborais dos profesionais nin, por suposto, a calidade asistencial que reciben os residentes. Trindade Marín, secretaria provincial de SAE en Lugo, denuncia que desde a Deputación quérese ofrece unha imaxe irreal da residencia e para iso impiden, con ameazas de despedimento, que as xerocultoras poidan facer ningún tipo de reclamación nin reclamen os seus dereitos laborais.
“Non en balde o motivo esgrimido para o último despedimento dunha compañeira foi a falta de consideración e menosprezo aos seus compañeiros que estes negaron e desmentiron, o que demostra que este despedimento ten outra motivación, válido só para a empresa”, manifesta Trindade Marín.
Son moitos os problemas laborais que os traballadores desta residencia denunciaron nos últimos anos dado que non se cumpre co Convenio das Residencias da Terceira Idade de Galicia e xéranse múltiples situacións conflitivas xa que, por citar un exemplo, non seguen un calendario anual de quendas de traballo, vanse comunicando as xornadas laborais de maneira improvisada e non se respectan os descansos establecidos entre xornada e xornada.
Ademais, o cálculo de exceso de xornada non é correcto e a empresa non aclarou como exercer o seu dereito ao goce dos días de libre disposición pero si lles obrigou a solicitar vacacións sen que se fixou o calendario anual.
Aos problemas estritamente relacionados coas condicións laborais hai que engadir as condicións de traballo e estas afectan directamente os usuarios da residencia que, indubidablemente, ven minguada a calidade asistencial que reciben. Non pode ser boa cando se reduce o persoal, xerocultoras, de limpeza ata o extremo de que haxa unha soa limpadora durante varios días para todo o centro, o que implica falta de limpeza en baños comúns, no comedor…
Durante a quenda de noite só hai unha xerocultora para 29 residentes o que é unha enorme sobrecarga de traballo e un risco tanto para o traballador como para os residentes que ante esta falta de persoal terminan de almorzar e tomar medicacións a media mañá.
A secretaria provincial de SAE considera que a situación desta residencia é insostible e require moito máis que un cambio de titularidade na xestión tanto para que o servizo asistencial que se presta nela sexa o adecuado como para que se respecten as condicións laborais e dereitos dos traballadores.