Vizoso Galdo dixo que “a Área de Turismo do Concello de Ribadeo pon en marcha nas fins de semana de maio e de xuño o programa de actividades O Renacer do Cantil, unha aposta polo turismo tranquilo e consciente, a favor da desestacionalización do destino de Ribadeo e á captación de novos segmentos de turistas e visitantes”.
O concelleiro de Turismo subliñou que “se trata de propostas innovadoras e beneficiosas para o benestar físico e emocional que van celebrarse en diferentes escenarios naturais do noso entorno costeiro, poñendo en valor a biodiversidade e a beleza que garda unha das costas máis auténticas de Galicia”.
O edil ribadense explicou que “este programa de actividades comezará o 7 de maio cunha actuación poética a cargo do recoñecido guía e actor Suso Martínez, para continuar abordando nas vindeiras fins de semana: prácticas de tai chi, baños de cores, obradoiros de coiro e, por suposto, xeorutas, paseos cos cinco sentidos pola nosa costa, arte na natureza para os máis pequenos, teatro, música e tamén festa. Son propostas para o benestar persoal e para celebrar un novo renacer da natureza”.
Pablo Vizoso engadiu que “a programación de cada unha destas actividades será publicada na web de Turismo de Ribadeo (http://turismo.ribadeo.gal), a participación será gratuíta e nalgúns casos vaise ver limitada a grupos de vinte persoas. Para inscribirse e participar nestas actividades débense cubrir os formularios que están a disposición dos interesados na páxina web turismo.ribadeo.gal”.