A Mariña, 26 de abril de 2022. O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, considera que a Xunta de Galicia despreza á Mariña coa ubicación de Altri.
Cajoto manifestou: “estamos profundamente indignados. Nin sequera escoitarnos, non se dignaron a escoitarnos. En tres ocasións solicitamos unha reunión con Francisco Conde, con Alberto Núñez Feijoo e coa xerente do consorcio Impulsa Galicia desde o 18 de novembro do ano 2021 e ninguén se quixo reunir cos representantes da Mariña”.
O presidente da Mancomunidade pide explicacións: “que nos expliquen a todas e todos os mariñaos por que se instala unha fábrica para procesar celulosa de eucalipto nun concello lonxe dos eucaliptos. Que nos expliquen por que se lle dan as costas a unha comarca cunha grave crise industrial. Que expliquen aos mariñaos por que despois de todas as fotos que sacou Feijoo en Alcoa agora que pode non quere aportar solucións á grave crise industrial da comarca. Por que ignora e bota ao lixo o mandato do Parlamento de Galicia. Por que se nos deixa unha vez máis de lado. Non vamos permitir nin unha mentira máis, isto é unha decisión política. Non se nos quixo recibir cando o único que pretendíamos os 16 concellos da Mancomunidade era facilitar os trámites e buscar a mellor ubicación, independentemente do concello. Que o expliquen. Que nos digan por que nos deixan abandonados, sen unha explicación, sen nin sequera recibirnos. Por que ese desprezo a toda unha comarca, por que ese absoluto e indignante silencio”.
O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade da Mariña móstrase absolutamente indignado “polas falsidades da Xunta de Galicia no proceso de implantación de Altri e o ninguneo e desprezo que se fixo aos concellos da comarca. Din que é unha decisión empresarial cando foi precisamente a Xunta a que impuxo á empresa que se implantara na provincia de Lugo. Isto é un proceso teledirixido desde Santiago. Ao Partido Popular non lle interesa a Mariña: nin autovía a Ferrol, nin área sanitaria, nin residencias de anciáns, nin nada. Nun Foro organizado en Ribadeo polo Progreso o pasado 23 de marzo silvicultores, sector de transformación e alcaldes de distintas cores coincidiamos en que A Mariña resultaba a ubicación ideal para a implantación da factoría de Altri”.
E engadiu: “a Xunta decidiu outra cousa, unha decisión política e absoluta e completamente ilóxica. Cando nos vetan a unha reunión, na que queríamos que tamén estivera Altri, é que non din a verdade. O que di a verdade non ten nada que ocultar e traballa de forma leal por un proxecto. A Xunta é todo o contrario: ocultismo e propaganda”.