Castiñeira sinala: “Temos unha sentenza de hai poucos días, que nos di que tanto o decreto de presidencia de 13 de decembro de 2019 como o acordo da xunta de goberno, de 27 de decembro de 2019, son nulos de pleno dereito e convócasenos a un pleno para propoñernos que ratifiquemos eses dous acordos que o xulgado do Contencioso número 1 de Lugo di que son nulos de pleno dereito. O PP votará en contra desta proposta, por varias razóns, as mesmas que tivo sempre”.
Por un lado, o PP vota en contra porque está convencido de que recorrer esta sentenza, como pretende o goberno provincial, “empeora a situación, porque aumenta a inseguridade xurídica e alonga este proceso”. Tamén dirán non os populares á proposta do goberno porque “non se resolve o problema dos antigos traballadores de Suplusa, que solicitan incorporase ao cadro de persoal da Deputación de Lugo e non ser subrogados a Tragsa; piden os mesmos dereitos e o mesmo trato que tiveron outros compañeiros antes”. Os traballadores “teñen un proceso aberto e o que pide o PP é que se resolva antes con vontade política ese proceso que está nos xulgados”.
Os populares están en absoluto desacordo con esta proposta “porque non hai unha memoria económica que xustifique a entrada da Deputación de Lugo no accionariado de Tragsa; non xustifica todos estes encargos que se fixeron, por seis millóns de euros, e non xustifica tampouco os encargos sucesivos que se farán con base neste acordo; isto é pechar en falso un asunto que se xestionou mal dende o principio polo goberno provincial”.
En resumen, segundo sinala Castiñeira, “o PP vota en contra e reservámonos a posibilidade de volver recorrer, porque entendemos que non se están facendo as cousas acorde a Dereito e que é un prexuízo grande para a Deputación e para todos eses traballadores que están pendentes de resolver a súa situación laboral”.