O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que é importante que Viveiro sexa un punto de referencia en todo aquelo que reforce o seu atractivo como destino turístico. “Pero hai que facelo debidamente, para que festivais como este redunden o máis posible en beneficio dos sectores económicos da cidade e do conxunto do municipio, como é o caso da hostalería. Nesta ocasión, parece que as cousas non se fixeron ben porque hai moitas queixas de hostaleiros, especialmente de Viveiro e de Covas”.
Rodríguez destaca a necesidade de que haxa espazos públicos nos que se poidan desenvolver actos que son reclamos para atraer visitantes á cidade. “Claro que é importante, pero tamén é moi importante que os espazos públicos estean nas mellores condicións e, cando son o marco no que se desenvolven actos nos que hai moita xente, hai que asegurarse de que, ao final, todo queda nas debidas condicións”. Engade Rodríguez: “Aínda é máis importante cando os espazos públicos están nunha das entradas á cidade, como é o caso do campo de Cembedo”.