Castiñeira destaca as previsións para suprimir paradas en itinerarios como é o da A-6: Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Tamén noutros itinerarios, nos que se suprimen paradas en Palas, Chantada, Quiroga e Monterroso. Sinala que estas supresións “prexudicarían a gran número de veciños da nosa provincia desas comarcas e da contorna, que terían dúas opcións, ou ben facer transbordos, o que suporía un claro retroceso, ou desprazarse trinta ou corenta quilómetros cara outras poboacións con máis habitantes”.
Os populares consideran que tales previsións “van totalmente en contra dos intereses da provincia de Lugo”. Destacan que “esta lei non ten en conta a mobilidade rural, non atende aos intereses do territorio e unicamente se rexe por criterios económicos, de rendibilidade ou por razóns que benefician ás grandes urbes ou ás zonas metropolitanas”.
Castiñeira avisa de que “o grupo provincial do PP defenderá sempre os intereses do medio rural, como vimos facendo; por iso, presentamos unha moción que debateremos hoxe e esperamos que sexa apoiada por todos os grupos”. Lembra que os populares “xa presentamos no seu momento alegacións a este anteproxecto de lei, porque ademais de prexudicar directamente aos veciños da provincia, tamén abre as portas para que se poida cobrar polo uso das autovías”. Ter que pagar por usar as autovías, “sería tremendamente malo para a provincia de Lugo, para o seu desenvolvemento económico, social e estrutural”. Suporía que “de novo o tecido económico lucense, os veciños de Lugo, pagarían dobremente estas infraestruturas; os veciños da provincia de Lugo volven ser os grandes prexudicados”.