Foz, 19 de abril de 2022. O municipio de Foz ten moito que ofrecer a propios e estraños en canto a paisaxes e natureza. O turismo constitúe un dos grandes recursos da economía do concello. Por iso, o portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “a promoción turística do Concello de Foz é importante”, e di que é preciso leva a cabo campañas de difusión. Pero teñen que ser iniciativas serias e apoiadas con feitos dende o Concello. Castiñeira sinala que “a campaña do equipo de goberno da ruta dos miradoiros parécenos moi ben, pero non pode limitarse a unha declaración de intencións ou a poñer un banco e sacar unha foto”. Asegura que “ten que ser moito máis e debe incluír o coidado e mantemento dos accesos, a permanente atención ás rutas tanto ás de nova apertura como ás que xa están feitas”.
Castiñeira sinala: “Un exemplo do deixamento do equipo de goberno de Foz é que leva tres anos sen tocar á pista que sube ao Pico da Lebre, onde está o miradoiro de igual nome, en Forxán, ao lado do Bispo Santo. Está absolutamente destruído o acceso, ata o punto de que é difícil circular por el en coche. Estamos na época do Bispo Santo e é lamentable ver como está”.
O portavoz popular indica: “O que nos di a xente é que está moi ben poñer bancos, pero despois a imaxe é moi mala. Se creamos rutas, hai que sinalizadas e hai que mantelas e iso é o que non fai o equipo de goberno, que ao único que se dedica é ao postureo, ás fotos; o mantemento das rutas é nulo e proba diso é o miradoiro do Pico da Lebre, e no Bispo Santo, en Forxán”.