Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que “non se entende nin xustifica” que PSOE e BNG voten na Deputación en contra da posta en marcha da planta de biogás do centro de recría, que custou 1,5 millóns e nunca funcionou

Lugo, 26 de abril de 2022. A planta de biogás do centro de recría da Granxa Gayoso Castro foi anunciada no seu día como a máis grande de Galicia; pois a que no seu momento debía reunir tal condición, nunca chegou a entrar en servizo. O Grupo Provincial Popular defendeu, por boca de Francisco Balado, na sesión plenaria celebrada esta mañá pola corporación provincial, unha moción para a urxente posta en servizo destas instalacións. Como explica Balado, “fronte á nosa moción na que solicitamos a posta en marcha da planta de biogás integrada nas instalacións do centro de recría da Granxa Gayoso Castro atopámonos cunha postura totalmente sorpresiva adoptada polos membros do goberno provincial (socialistas e nacionalistas), que votaron en contra”. Para os populares, “é algo que non se entende e que non se xustifica dende ningún punto de vista”.

Balado sinala: “Trátase dunha instalación pública, feita con cartos públicos, de todos os lucenses e todas as lucenses; foi concibida para lograr un aforro anual ás arcas provinciais de 300.000 euros, a prezos da enerxía do ano 2015. Polo tanto, non se explica como estando no 2022 e permanecendo pechada esta instalación, o goberno provincial se postula en contra da súa posta en marcha”.

O portavoz popular neste asunto, alcalde de Castro de Rei, manifestou ao remate do pleno: “Ademais, todos os elementos mecánicos que integran esta instalación, cada ano que transcorre, hai risco de que se deterioren aínda máis, co cal a súa posta en marcha, o seu funcionamento, vai ser cada vez máis difícil, máis complexo, e vai custar máis cartos ás arcas provinciais; por iso, non entendemos esta postura de socialista e nacionalistas”.

A outra moción defendida na mañá de hoxe polos populares saíu adiante, coa abstención dos deputados socialistas. Esta iniciativa tiña por obxecto instar ao Goberno central a manter, como mínimo, o actual número de paradas das liñas estatais de autobuses na provincia de Lugo.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinalou ao remate da sesión plenaria: “Dende o grupo provincial do PP parécenos un feito bastante grave que alcaldes do PSOE que están afectados polo anteproxecto da Lei de Mobilidade, no que se eliminan paradas nos seus concellos, como é o caso de Pedrafita do Cebreiro, non apoien a moción, que ía no sentido de manter esas paradas. Parécenos moi lamentable a actitude do equipo de goberno non defendendo os intereses do rural e da provincia e antepoñendo os intereses do Partido Socialista”

Exit mobile version