Lugo, 5 de abril de 2022. O socialismo sanchista ten demostrada a súa incorrixible afección ao relato, a tecer relatos cos que pretende debuxar a realidade segundo mellor interesa aos seus propósitos. O socialista José Tomé e o goberno que preside tamén se apuntan a esta maneira nada respectuosa de enfrontarse á relación coa oposición e cos lucenses. O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegura que “no pleno de hoxe o grupo provincial do Partido Popular demostrará os enganos do equipo de goberno con respecto ao Plan Único do 2022 e demostrará tamén a súa teoría de que co importe fixado o Plan Único devalúase e fanse moitas menos obras que nos anos anteriores”.
Castiñeira explica: “En concreto, no proxecto definitivo do Plan Único recóllense 275 obras proxectadas polos diferentes concellos neste ano 2022, moitos menos que os outros anos. No 2018, presentáronse 310 proxectos; 2019, 332; 2020, 3029, e 2021, 332. É dicir, que o do 2022, tras varios anos de Plan Único, é o ano que menos obras se fan”. Engade: “O PP isto xa o sabía, polos altísimos prezos da construción e da enerxía, o lóxico era que, conxelando o plan, se perdera poder adquisitivo e se fixeran menos obras”.
Con ser grave, o peor para os populares non é que se fagan menos obras e que o goberno provincial queira devaluar o plan e o conxele, porque prefire o reparto a dedo e non o reparto obxectivo. Castiñeira di que “o máis grave de todo isto é que o equipo de goberno enganounos hai poucos días anunciando que con este Plan Único se farían 560 obras, máis do dobre das que veñen proxectadas”. O portavoz popular considera “lamentable que este goberno bipartito engane así aos deputados do PP, aos alcaldes de toda a provincia e diante de todos os veciños da provincia”.
Para Castiñeira “é moi lamentable, moi penoso que non se recoñeza a situación dos concellos e que se intente enganar, única e exclusivamente por manter un argumento que ninguén no día de hoxe é capaz de soster”. Por elo, os populares lanzan esta mensaxe: “Señores do bipartito: déixense de manipular e traballen máis pola provincia”.