O voceiro, Antonio Riveira, considera que “o Concello de Xermade pode colaborar en boa medida cos veciños para que se beneficien das axudas en materia de vivenda que convoca a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda neste 2022”. Ademais, defende que “a administración local debe colaborar tendo en conta que estas axudas poden servir para atraer xente nova a vivir ao noso municipio; xa que contemplan distintas medidas dirixidas aos mozos que queiran instalarse en municipios rurais”.
O popular cita o programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios para Concellos de menos de 5.000 habitantes, obras de actuación de mellora ou rehabilitación de vivenda, axudas para os proxectos de rehabilitación, programas de infravivendas, mellora de accesibilidade, conservación e rehabilitación de inmobles incluso edificios de titularidade municipal, préstamos para rehabilitación, compra de vivenda protexida, compra ou alugueiros para mozos en municipios rurais para contribuír ao reto demográfico, aval para mozos para adquisición de vivenda, fondo de cooperación para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción con destino ao alugueiro social, o bono de alugueiro social ou o bono de alugueiro social dirixido especificamente para vítimas de violencia de xénero.
“O Concello pode informar aos veciños, redactar memorias ou proxectos de rehabilitación para facilitar que os propietarios se beneficien destas axudas para a rehabilitación de vivendas do municipio”, explica.
Control sobre os proxectos do goberno local
O Grupo Municipal Popular tamén solicitou información sobre os proxectos incluídos na solicitude de subvención do Concello á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a posta en valor e promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño no municipio.
Concretamente, os populares queren saber se para realizar o desbroce para a prevención de incendios na Comunidade de Montes de Lousada o Concello ten asinado algún convenio, se existe algún tipo de conflito de intereses por ser o alcalde o presidente desa Comunidade e que consideración vai ter para o Concello en relación coa comunidade o gasto que supón facerse cargo do IVE correspondente ao importe dos traballos.
Sobre a creación dun párking de autocaravanas na contorna da área recreativa de Cabreiros e doutras actuacións de embelecemento da zona de baño, os populares solicitan información sobre a autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Tamén queren coñecer se o Concello ten consensuado proxectos e solucións coa asociación de veciños de Cabreiros; se contempla solucións técnicas para evitar o depósito de materiais de aluvión no entorno da área recreativa coa construción de comportas ou incluso sen a construción de novas comportas e se está previsto retirar ese material periodicamente.