Ribadeo, 4 de abril 2022. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo levará ao pleno ordinario da corporación local diversos temas de interese para os ribadenses como é o caso da asistencia sanitaria. Nese sentido, “pedirémoslle ao BNG e ao PSOE traballar xuntos como corporación e, polo tanto, que apoien a nosa petición para instar ao Goberno central o incremento de prazas MIR, é dicir, poder formar a máis médicos”. O portavoz, Daniel Vega, destaca que “así poderíanse cubrir prazas e, incluso, incrementar a carteira de servizos sanitarios”.
Vega explica que “todos sabemos que imos ter un novo centro de saúde, pero tamén necesitamos médicos para incrementar o número de facultativos e, polo tanto, mellorar a atención primaria”.
O Grupo Municipal Popular tamén quere que o goberno local do BNG explique que está a facer coa herdanza do doutor Moreda. “Todos sabemos que o piso da súa propiedade que hai en Ribadeo non se vendeu aínda, pero o seu prezo xa baixou considerablemente e iso vai en detrimento da reforma do asilo”, sinala Vega.
O popular engade que “non sabemos a cantidade á que ascende a herdanza” e considera que se trata “dunha mala xestión por parte do goberno do BNG que a día de hoxe non se vendera o piso nin se concrete a cifra exacta da herdanza”. Sinala tamén que “todos queremos que se arranxe o hospital asilo” e, polo tanto, lamenta que “o tempo vai pasando e non avances sobre este tema”. Lembra que a Xunta, pola súa parte, “vai aportar orzamento”.
Os populares amósanse “preocupados polo retraso no pago das facturas porque algunhas empresas deixaron de prestar servizos ao Concello e outras están pensando o mesmo”. Vega considera que “non pode ser que o goberno do BNG sexa o que máis tarde pague de toda A Mariña. Tampouco pode ser que isto se repita sistematicamente e a tódolos plenos veñan facturas con retraso para poder pagalas. Hai que pagar en tempo e forma e por iso pediremos no pleno que o goberno local do BNG explica por que non o está a facer”.
Outro dos asuntos sobre os que pedirán explicacións ao goberno do BNG será sobre os plans para a praia do Cargadoiro. “Outro ano máis será unha praia cerrada e os seus usuarios non poderán disfrutar dela. Non pode ser que, ano tras ano, o goberno local expoña as mesmas desculpas e a praia continúe pechada”.
Así mesmo, o Grupo Municipal Popular tamén levará ao pleno a limpeza das fincas municipais. A este respecto, Vega sinala que “o goberno local esíxelle a un titular privado limpar a súa finca, pero as que son propiedades do Concello están abandonas”. Polo tanto, os populares condenan “a dobre vara de medir” e a “falta de coherencia”. Nese sentido, pedirán ao goberno local do BNG que “limpe as fincas do Concello antes de obrigar ao resto dos veciños”.