O voceiro popular condena que “ambos mandatarios se queixen de que é difícil executar as obras debido ao incremento dos prezos” cando “é o propio goberno local o responsable da tardanza en xestionar a súa posta en marcha”. De feito, sinala que “a vagancia á hora de tramitar os expedientes por parte do señor Llano e do concelleiro que aspira a ser alcalde algún día se estenderon ao longo de 14 meses, tempo durante o que os custos das obras se incrementaron”.
Rouco lamenta que “este goberno local bote as culpas a todo e a todos” de forma que “nunca teña responsabilidade de nada en relación á xestión municipal; algo que, por outra banda, comeza a crer todo o mundo”. De feito, para o popular “a súa irresponsabilidade empurrou polo abismo á Burela que coñeciamos”.
“Os veciños e veciñas de Burela puidemos comprobar, unha vez máis, o que dende o Grupo Municipal Popular levamos denunciando ao longo deste mandato: a incapacidade do goberno de Llano para xestionar algo en tempo e forma”, conclúe.