O grupo municipal do PP defendeu unha moción nunha recente sesión plenaria co fin de que a corporación acordara a creación dun centro de interpretación provisional, ubicado nas instalacións cedidas ao Seminario de Estudos Terra de Viveiro no edificio de cristal, ou noutras das que dispón o Concello e que reúnan as características adecuadas. Pero nada fixo o goberno local. Rodríguez sinala: “É inaudita esta maneira que ten a alcaldesa de non facer nada pola defensa dos intereses de Viveiro; o do astrolabio é un exemplo clarísimo, pero o problema afecta a todos os ámbitos de xestión”.
O portavoz popular indica: “Non imos parar de reclamar que se faga o necesario para que o astrolabio volva para Viveiro e que estea exposto ao público, debidamente custodiado. Chegaremos ata onde faga falta. Espero que cando presentemos a nova iniciativa no pleno, o goberno a apoie e se poña as pilas”.
Rodríguez ofrece a súa colaboración e a do seu grupo para que o astrolabio volva para Viveiro. “Xa dixemos onde se pode acondicionar un espazo para mostrar esta relevante peza, pero pode haber outras que sexan adecuadas. O caso é que estea en Viveiro e que a xente o poida ver, porque é parte do patrimonio deste concello”.