Viveiro, 18 de abril de 2022. O astrolabio náutico recuperado no chamado “pecio I” de Viveiro, datado entre os anos 1575 e 1622, constitúe unha peza fundamental do patrimonio viveirense e debe permanecer e ser exposto na cidade do Landro. Pero tan importante peza arqueolóxica non está en Viveiro, senón en Vigo, a onde foi trasladado pola incapacidade do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, para acondicionar un espazo para a súa custodia e exhibición ao público. O grupo municipal do PP anuncia a presentación dunha iniciativa no Concello para que o goberno local “faga dunha vez o que ten que facer para que o astrolabio estea en Viveiro exposto ao público”. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, afea ao equipo de goberno que no pleno, cando preguntaron por este asunto, para coñecer se había algunha previsión para acondicionar un espazo para o astrolabio, o tenente de alcalde afirmase: “Era o que nos faltaba, facer o garaxe antes de ter o coche
O grupo municipal do PP defendeu unha moción nunha recente sesión plenaria co fin de que a corporación acordara a creación dun centro de interpretación provisional, ubicado nas instalacións cedidas ao Seminario de Estudos Terra de Viveiro no edificio de cristal, ou noutras das que dispón o Concello e que reúnan as características adecuadas. Pero nada fixo o goberno local. Rodríguez sinala: “É inaudita esta maneira que ten a alcaldesa de non facer nada pola defensa dos intereses de Viveiro; o do astrolabio é un exemplo clarísimo, pero o problema afecta a todos os ámbitos de xestión”.
O portavoz popular indica: “Non imos parar de reclamar que se faga o necesario para que o astrolabio volva para Viveiro e que estea exposto ao público, debidamente custodiado. Chegaremos ata onde faga falta. Espero que cando presentemos a nova iniciativa no pleno, o goberno a apoie e se poña as pilas”.
Rodríguez ofrece a súa colaboración e a do seu grupo para que o astrolabio volva para Viveiro. “Xa dixemos onde se pode acondicionar un espazo para mostrar esta relevante peza, pero pode haber outras que sexan adecuadas. O caso é que estea en Viveiro e que a xente o poida ver, porque é parte do patrimonio deste concello”.