Castiñeira explica: “As consecuencias da decisión unilateral de Cajoto serían devastadoras especialmente para os maiores de Foz, que non terían prioridade na entrada e terían que ir para outras localidades, no caso de non entrar na residencia de Foz. Tamén se verían afectados os traballadores, que serían outros dos prexudicados, posto que a rede do Consorcio ten o seu propio sistema de xestión, totalmente independente do que leva o Concello”.
No PP destacan que levan tempo “pedindo ao alcalde no pleno que cambie de opinión, pero insiste na súa idea, que consideramos que é algo persoal, non é a idea que tiveron no seu momento na anterior corporación, cando se sacou adiante este proxecto, moi necesario e vital para Foz, como era o da Residencia”. Engaden: “Fixemos todo o posible para que ficaran en Foz os maiores e os traballadores que estaban no Asilo. Agora, con esta decisión, non estaría garantido nin para os actuais nin para os veciños que no futuro quixeran ir a residencia da nosa localidade”.
En opinión de Castiñeira a razón que move a Cajoto “é única e exclusivamente aforrar nunha partida de axudas, que a día de hoxe existen para os residente locais con menos medios; Cajoto alega que é unha competencia da Xunta de Galicia, e por iso quere desligarse de todo”.