O voceiro, Daniel Vega, agradece a estas persoas o seu interese que, “xunto ás reivindicacións dos actuais praceiros e ás peticións trasladadas polo Grupo Municipal Popular en diversas ocasións, levaron ao goberno local a espertar e tomar esta decisión”.
O popular lembra que ante os proxectos que presentaban os interesados en desenvolver a súa actividade na Praza de Abastos, o goberno local do BNG respondía que non sabía moi ben que facer con estes locais, non se amosaba partidario de abrir eses locais libres e impulsar propostas para que a Praza de Abastos teña máis actividade.
Vega condena, nese sentido, que “non pode ser que o goberno local se amose pasota e non lle importen eses locais nin que esas persoas impulsen un proxecto na Praza de Abastos. A actitude dun goberno local debe ser toda a contraria: manter unha actividade proactiva que favoreza, neste caso, a apertura dos locais da Praza de Abastos e, en xeral, a creación de actividade económica no municipio.
“A Praza de Abastos o que necesita é un revulsivo económico e coa apertura destes locais vaino ter, sen lugar a dúbida”, conclúe.