Dacordo coas peticións realizadas polo concellos, os fondos provinciais distribuiranse así: 14,7 M€ destinaranse investimentos en estradas e outras infraestruturas, 2 M€ ao Servizo de Axuda no Fogar, 3,6 M€ a iniciativas de fomento de emprego, 360.000 € a actividades culturais, 128.900 € a actividades deportivas, 138.200 € a iniciativas vinculadas ao turismo, 115.500 € á organización de feiras e mercados, 179.000 € a actuacións relacionadas coa administración electrónica e a protección de datos, 14.500 € ao financiamento de servizos de Protección Civil e 202.800 € a actuacións relacionadas coa situación sanitaria provocada pola Covid-19.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que “coas transferencias aprobadas no Pleno dótase ao Plan Único dos recursos necesarios para levar a cabo todas as actuacións propostas para os concellos, que suporán unha mellora das condicións de vida de todos as veciñas e veciños” e reafirmouse na “importancia do Plan Único como mecanismo de distribución equitativa de fondos” ao tempo que “instou á Xunta de Galiza a aplicar criterios obxectivos á hora de repartir axudas aos concellos”.
Maite Ferreiro engadiu que “as propostas achegadas polos concellos demostran que o Plan Único reporta uns recursos fundamentais para o mantemento de vías municipais e doutras infraestruturas” e destacou tamén que “as actuacións relacionadas con actividades culturais, deportivas ou feiras e mercados dobraron o seu importe con respecto ao último ano”, explicando que “co traballo desenvolvido durante estes tres anos arredor do Plan Único se incentivou o investimento por parte dos concellos en políticas e iniciativas culturais e deportivas, que teñen un papel moi importante na dinamización económica e social”.