Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial aproba unha moción do BNG contra os recortes nos servizos de transporte público previsto polo Goberno do Estado

Lugo, 26 de abril de 2022. O Pleno da Deputación, presidido esta mañá pola vicepresidenta e deputada nacionalista Maite Ferreiro, aprobou as dúas mocións presentadas polo BNG a debate.

O BNG comprometeu á corporación provincial na defensa dos itinerarios e paradas das liñas estatais de transporte público na provincia, ao aprobarse unha moción en contra do recorte de servizos prevista polo executivo central no anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible, que recolle na súa proposta inicial a supresión de nove paradas nas liñas que percorren a A6 e a A52, afectando aos concellos de Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Chantada, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro e as súas zonas de influencia.

“O Goberno ten que modificar este plan e reconsiderar a proposta para evitar a perda dos servizos existentes”, sinalou o voceiro nacionalista Efrén Castro que apuntou que “este modelo obriga as veciñas e veciños desta zona a utilizar o coche particular. Nin é sostible, nin facilita a mobilidade, en contra do que propugna a norma no seu preámbulo”, razoou.

O deputado defendeu que “é o momento de poñer esta proposta en coñecemento da opinión pública e de facer as achegas e críticas que se consideren porque é o momento no que ten volta atrás” e concluíu reclamando ao goberno do Estado que “non siga discriminando Galiza e a provincia de Lugo, reducindo aínda máis as opcións de mobilidade das que dispón a cidadanía, especialmente nas zonas de montaña e do interior”.

A iniciativa, aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, demanda ao Goberno do Estado “que reconsidere a proposta de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, evitando a perda ou redución dos xa escasos servizos da actualidade e buscando pola contra o seu reforzo”.

Tamén recolle, como segundo punto de acordo, que “a futura Lei de Mobilidade Sostible explicite claramente a aposta polo transporte público de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación as características do servizo e as súas interconexións. posto que esta é a alternativa máis acaída se queremos apostar por un transporte máis sustentábel desde o punto de vista económico e ecolóxico”.

O Pleno tamén aprobou a moción do BNG para reclamar á Xunta de Galiza medidas para reactivar a zona de regadío do Val do Lemos coa produción de cereais. A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural, Mónica Freire, expuxo á corporación provincial a iniciativa, que reclama ao goberno galego actuacións para poñer en valor as 2.000 hectáreas desta zona coa elaboración dun Plan de Recuperación de terras de aptitude cerealista.

En contra do argumentado polo PP, que votou en contra da iniciativa, Mónica Freire sinalou que “existe demanda de superficie agraria e de regadío” e afondou nas condicións que ofrece aa zona para o cultivo de cereais, expoñendo estimacións de rendemento que apuntan que as 2.000 hectáreas poderían producir o 40 por cento do trigo e millo gran que se produciu en Galiza ano 2019 e o millo forraxeiro que precisarían 900 explotacións medias de vacún de leite galegas.

“Galiza debe reducir a dependencia de materias primas do exterior dadas as condicións que se están dando tanto desde o punto de vista do cambio climático como da escaseza dos cereais nos mercados internacionais. Pero tamén debe facelo porque dispón da potencialidade suficiente para producir estes insumos”, defendeu a deputada nacionalista, que reprochou ao goberno galego a “perda de superficie agraria util” e a desatención “aos problemas reais dos gandeiros e labregos galegos”

Con esta moción, o BNG puxo sobre a mesa o traballo iniciado para a posta en valor da produción agraria no Val de Lemos durante a etapa de goberno nacionalista na Xunta de Galiza, paralizado desde a chegada ao goberno do Partido Popular.

Exit mobile version