Persoal da policía municipal, servizos xerais e encargados das instalacións culturais e deportivas, asistiron a esta formación impartida por Camilo Vázquez e Aurora Vizoso, instrutores da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, co obxectivo de actualizar os coñecementos sobre o uso dos DEA.
O Concello de Burela dispón destes aparellos en distintas ubicacións, como a propia Casa do Concello, Casa da Cultura, Pavillón Municipal Vistalegre, praias e no Campo de Fútbol da Marosa.
O desfibrilador externo automático (DEA) é un dispositivo electrónico que pode examinar o ritmo cardíaco para determinar se é preciso proporcionar unha descarga a unha persoa, tanto adulto como neno, en paro cardíaco, de forma que se restableza o seu ritmo normal.
A formación de 4 horas permitiu facer un repaso sobre determinadas situacións que se poden presentar e o modus operandi máis dilixente e recomendado. Realizouse unha revisión dos casos nos que se debe chamar ao 112 ou 061, dos pasos a seguir para unha Reanimación Cardiopulmonar (RCP) asistida e a importancia de acortar tempos, así como a orde de actuación ante un incidente seguindo a máxima de protexer (que o escenario sexa seguro e estean protexidos tanto a vítima como a persoa ou persoas que a van axudar), alertar (chamar aos servizos pertinentes) e socorrer.
Neste último punto se centrou a xornada, facendo prácticas sobre Reanimación Cardiopulmonar e valorando todas as excepcións como a implementación nos nenos ou bebés, así como a forma de actuar ante un atragantamento coa manobra de Heimlich, con diferencias para mulleres embarazadas ou persoas obesas.
O persoal municipal foi instruído de novo no manexo dos desfibriladores, na colocación dos parches e na importancia de seguir as indicacións, protexendo ás persoas que podan estar na escena de calquera perigo froito dunha situación de nerviosismo.
O tenente de alcalde, Ramiro Fernández, agradeceu a implicación do persoal nesta “aprendizaxe imprescindible, que pode salvar vidas a través da responsabilidade cidadá compartida e con formacións que desde o concello apoiamos tendo en conta que o primeiro, sempre, é a saúde”.
Desde o Concello de Burela convidan a semana que vén aos clubs que empregan as instalacións deportivas (baloncesto, fútbol e fútbol-sala) a que asistan a unha formación destinada a aportarlles ferramentas, tanto teóricas como prácticas, que lles permitan actuar ante unha situación de emerxencia.