O concelleiro ribadense manifestou que “dende hai un tempo observábamos e recibíamos no Concello opinións cruzadas e variadas sobre cal debería ser a ubicación do mercado semanal dos mércores: ou aparcadoiro municipal, habilitado para acoller os postos de venta e visitantes como consecuencia das restricións derivadas do coronavirus, ou ben a zona da praza de abastos, afectada polo límite de espazo e pola imposibilidade de ampliación dadas as condicións urbanísticas do entorno”.
Vizoso Galdo contou que “esta situación levounos a realizar unha consulta entre os titulares dos postos para que se pronunciasen formalmente escollendo unha das opcións posibles. Agora que xa coñecemos os resultados a cuestión queda clarificada, xa que os participantes votaron maioritariamente a favor de permanecer na ubicación actual, é dicir na zona do aparcadoiro municipal situado entre a Avenida de Galiza e a rúa Ramón González”. Do total dos votos emitidos o 65% amosou a súa preferencia por manterse na localización actual.
O edil de Desenvolvemento Local e Comercio dixo que “tendo en conta este resultado, dende o Concello de Ribadeo imos promover e iniciar varias accións como darlle entrada a aqueles postos que o están solicitando e que ata o de agora se atopaban en espera, dado que por mor da pandemia houbo que suspender a ampliación do mercado. Deste xeito incrementarase o número de vendedores e a diversidade e oferta de produtos”.
Pablo Vizoso subliñou que “tamén se vai verificar que os postos actuais ocupen a superficie que teñen autorizada e facilitarase a incorporación de novos postos, xa que nesta ubicación existe máis espazo dispoñible do que había na praza. Ademais reforzarase a sinalización da súa ubicación para favorecer o acceso dende as diferentes entradas da vila e poñeranse en marcha actividades de dinamización”.
O concelleiro engadiu: “hai que sinalar que esta ubicación, no aparcadoiro municipal, segue estando nunha zona céntrica e urbana, xa que si se accede pola rúa Ramón González tan só se atopa a uns 100 metros de onde estaba antes da pandemia e pola Avenida de Galiza a pouco máis de 200 metros”.