Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022. O deputado socialista Julio Torrado preguntoulle hoxe á Xunta polas medidas que ten previsto adoptar para garantir o dereito ao traslado de confraría de aquelas persoas con permiso de explotación marisqueira concedido e que queiran cambiar de lugar de traballo para conciliar a vida laboral e persoal. Nestes intres, esa posibilidade está recollida na normativa para vítimas de violencia de xénero ou para quen teña ao seu cargo persoas dependentes.
Malia Todo, Torrado advertiu que o dereito recóllese no papel, pero na práctica é moi difícil que se poida levar a cabo. Nesta liña explicou que para poder acceder a un cambio de confraría hai que cumprir tres requisitos: que exista unha solicitude, que haxa un informe favorable da Consellería de Pesca e, por último, que exista praza dispoñible no lugar para o que se solicita o traslado.
“É neste último punto onde está o problema”, remarcou Julio Torrado, “xa que non existen esas prazas dispoñibles”. Polo tanto, estamos ante un dereito que non é efectivo como evidencia o feito de que en máis 90 por cento dos casos rexéitase a solicitude de traslado, como recoñeceu a propia Consellería do Mar.
Polo tanto, Julio Torrado lamentou que, de maneira habitual, se dea a circunstancia de que persoas que, cumprindo os requisitos que marca a normativa, non poidan facer efectivo o cambio de lugar de traballo. Incidiu ademais en que as prexudicadas son fundamentalmente mulleres, xa que son maioritariamente as que sofren a violencia de xénero e as que se fan cargo das persoas dependentes no ámbito familiar.
Ao mesmo tempo, subliñou que este dereito, como defende a Xunta, non pode quedar a expensas de que as confrarías ou entidades o avalen. “Se isto está condicionado ao criterio de terceiros non sería un dereito, senón unha submisión”, sinalou Torrado antes de lembrar que “os dereitos son individuais e, polo tanto, hai que poñer os medios que se poidan exercer sen condicionalos a que as entidades decidan se queren ou non reservar unha praza para estas circunstancias que marca a normativa”.
Nesta liña, o deputado socialista reiterou a súa proposta para que a Xunta realice os cambios necesarios para garantir que todas as confrarías galegas teñan dispoñible unha praza para dar resposta a estas demandas, sempre e cando cumpran os requisitos. Esa solicitude xa se presentou en forma de proposición non de lei hai unhas semanas, pero non saíu adiante polo voto en contra do Partido Popular.
“Cal é o problema de habilitar unha praza extra ou de reserva?”, preguntou Julio Torrado antes de lembrar que ese modelo aplícase en todos os procesos selectivos da Xunta para diferentes colectivos. Sinalou ademais esa opción -e con máis razón tendo en conta as poucas solicitudes presentadas nos últimos anos- “non alteraría para nada a actividade das confrarías nin do conxunto do sector”. En cambio, remarcou, “permitiría recoñecer un dereito de maneira efectiva e que pase do papel á realidade”