O edil dixo que “seguimos co noso proxecto de mellora das escolas municipais e Teleclubes das nosas parroquias. Hoxe viñemos supervisar os importantes traballos de mellora que estamos a facer no Teleclube de Arante”.
Villamil explicou que “ademais dunha mellora na accesibilidade e da estética en xeral coa pintura do edificio, mellorouse a instalación eléctrica e creouse un baño adaptado no interior do edificio coa súa correspondente foxa séptica estanca. Tamén estamos colocando unha importante carpintería de aluminio para illar convenientemente o cobertizo anexo, xa que se atopaba practicamente en abertal, e tamén nunha pésima situación de estética”.
O concelleiro de Medio Rural sinalou que “estas eran as demandas que a asociación de veciños de Arante nos tiñan feito e que, logo das correspondentes autorizacións hidráulicas, comprometémonos a facer”.
E subliñou que “para iso, desde o Concello destinamos 14.000 euros de fondos propios municipais para acometer estas melloras necesarias, estando agora as obras a piques de rematar. Agardamos logo que o disfruten os veciños e as veciñas de Arante, e desde o goberno municipal seguiremos mellorando o resto de escolas municipais e Teleclubes do noso Concello”.