Vizoso Galdo explicou que “esta guía de RibadeoXNatural pode atoparse en formato dixital na sección de “Momentos” da páxina de turismo (turismo.ribadeo.gal) ou en papel, nas oficinas de turismo do Concello e ademais estes días repartiranse máis de 500 exemplares entre os aloxamentos do noso municipio”.
O edil ribadense contou que “a app para móbiles xa se pode descargar tanto para dispositivos de Android como IOS co nome RibadeoXNatural Concello de Ribadeo. Trátase dunha aplicación que conta con 10 rutas de sendeirismo, xeoturismo e cicloturismo. Cada unha das rutas leva incorporada a súa audioguía, o seu track e tamén información moi detallada de cada elemento e de cada percorrido”.
O concelleiro de Turismo dixo: “sabemos que Ribadeo é un territorio cun gran potencial e un dos maiores atractivos é o turismo asociado ao seu entorno natural, á súa biodiversidade, á interpretación e á educación medioambiental”.
Pablo Vizoso subliñou que “a creación deste tipo de ferramentas turísticas favorece a imaxe de Ribadeo como un destino turístico de natureza, fomenta e relaciona esta iniciativa co resto de produtos de natureza xa en funcionamento neste concello, como o Ribadeo Birding, que pon en valor o humidal Ría de Ribadeo, ou Entre Arcos e Cantís, que amosa a importancia xeolóxica da nosa zona costeira a través de diferentes xeorutas”.
O responsable da Área de Turismo e Comercio indicou que “o obxectivo destas accións principalmente é destacar a relación do noso Concello co turismo de natureza, coa práctica deporte e concretamente co sendeirismo e ademais afondar na desestacionalización da oferta turística. Trátase ademais de rutas adaptadas a todo tipo de público, que poñen en valor o noso patrimonio natural e cultural”.
E engadiu que “estes percorridos son moi factibles e accesibles durante todo o ano e tamén son moi recomendables de realizar durante a tempada baixa, cando o corazón de Ribadeo ofrece unha beleza singular”.