Viveiro, 27 de abril de 2022. O Concello de Viveiro anuncia a súa colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no proxecto de investigación “Intervalos de referencia de microminerais esencias e tóxicos na provincia de Lugo”, no que participan investigadores/as da USC e do Hospital Universitario Lucus Augusti, coordinados pola profesora Marta López Alonso.
O obxectivo deste proxecto é coñecer o papel dos minerais na incidencia de determinados tumores e avaliar o seu uso como complemento en tratamentos de quimioterapia e radioterapia, para mellorar a calidade de vida e o prognóstico dos pacientes.
Viveiro súmase á lista de concellos da provincia de Lugo que colaboran neste proxecto, permitindo a recollida de mostras de sangue e a posterior determinación analítica dos niveis de minerais das persoas interesadas en participar no proxecto de investigación.
Para poder participar é necesario ter entre 18 e 80 anos, vivir na provincia de Lugo e non estar recibindo tratamento oncolóxico. As persoas interesadas poden obter máis información na páxina web https://www.usc.gal/es/campusterra/minerales-cancer.
No Concello de Viveiro, as mostras tomaranse o luns 2 de maio, no Centro de Saúde, entre as 11:00 e 13:00 horas. Ademais, tomaranse mostras no Hospital de Burela, os días 2 e 4 de maio, entre as 8:00 e 10:30 horas e no Centro de Saúde de Ribadeo, o 4 de maio, entre as 11:00 e 13:00 horas.
Para poder participar neste proxecto é necesario apuntarse previamente. As persoas interesadas poden facelo cubrindo o formulario existente na web https://www.usc.gal/es/campusterra/minerales-cancer ou a través de WhatsApp no número de teléfono 690 971 248.
As persoas interesadas en participar no proxecto que non poidan doar nas datas e horarios referidos, poden contactar igualmente para intentar buscar un día no que facelo.
Dende a organización do proxecto sinalan que o estudo do perfil mineral dos individuos sans da provincia de Lugo é importante para poder axudar ás persoas enfermas.