Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz pon en marcha a Ruta dos Miradoiros tras colocar un banco de madeira no monte Cornería

Foz, 6 de abril de 2022. O Concello de Foz pon en marcha a Ruta dos Miradoiros despois de colocar un banco de madeira no monte Cornería. O alcalde, Fran Cajoto, chancea: “estamos a poñerllo ben difícil a Loiba, o banco do monte Cornería está a un nivel superior”.

O Concello de Foz vén de poñer en valor o miradoiro natural do monte Cornería, punto central dunha das fermosas rutas de sendeirismo coas que conta o concello, e o concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica: “colocouse un banco rústico de madeira, feito por un ebanista local, que seguro fará as delicias dos visitantes que queiran achegarse a disfrutar das impresionantes vistas, tomar unha foto e levarse un bonito recordo de Foz. Desde o banco do monte Cornería podemos divisar a ría de Foz e o curso final do Masma, co Mar Cantábrico abrazando a vila de Foz e Vilaronte aos nosos pés”.

Fran Cajoto engade: “con esta actuación inauguramos a Ruta dos Miradoiros: ao da Cornería hai que sumar o Miradoiro da Frouseira, así como o xa anunciado no Pico do Castro en Foz -onde están situadas as letras de Foz- e que se construirá dentro das obras de urbanización que están en marcha. Haberá máis sorpresas, que iremos descubrindo. En Foz hai paisaxes marabillosas que queremos poñer en valor”.

E Chema Linares remata animando “a veciñas, veciños e visitantes a descubrir estes miradoiros, a completar a ruta e levarse un bo recordo do noso concello e a súa costa”.

Exit mobile version