Foz, 1 de abril de 2022. O Concello de Foz, no pleno do 31 de marzo de 2022, aprobou a licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia e a taxa polas instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas.
O alcalde, Fran Cajoto, explica que a do SAF “é a licitación do contrato máis importante no que levamos de lexislatura, pola relevancia do servizo e pola cantidade económica. O contrato conta cun orzamento base de licitación de 4,56 millóns de euros, que cubriría o Servizo de Axuda no Fogar por un prazo de 3 anos prorrogable a un ano máis. No cálculo inclúense 63.000 horas para un total de 105 usuarios. Desde o Concello sempre queremos mellorar os servizos públicos, por iso introducimos avances importantes no prego de licitación. Así, ademais da baixa económica, valórase con 10 puntos a disposición de 1.100 horas adicionais para atender urxencias e outros servizos, con 4 puntos a atención dos usuarios por un podólogo, 2 puntos para un servizo adicional de fisioterapia de mantemento e con 4 puntos adicionais perruquería para aquelas persoas que teñan moi limitada a súa mobilidade”.
O rexedor municipal destaca que “o traballo de coidadores e coidadoras do SAF é fundamental, debemos poñer en valor a súa labor, ás veces un pouco escondida porque están nos nosos fogares. É para nós fundamental dar un bo servizo á dependencia, ás persoas máis vulnerables do noso municipio, e por iso facemos un gran esforzo aínda que non nos corresponda. A Xunta de Galicia ten a obriga de sufragar o 100% do servizo pero tendo en conta que o prezo de licitación é de 18,10 euros a hora e o aporte autonómico será dun máximo de 12 euros, a administración autonómica só abona arredor do 65% do custo. Nun contrato de 4,56 millóns, estamos a falar de que no caso de que os usuarios teñan un ingreso inferior ao IPREM, o Concello pagaría arredor de 1,6 millóns de euros que non lle corresponden, unha cantidade moi importante que poderiamos investir nunha chea de necesidades municipais”.
No plenario de Foz tamén se aprobou de forma inicial a ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamento do dominio público local para as instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas. “As compañías eléctricas e de gas están obtendo un gran beneficio económico e as súas redes discorren en gran parte por solo municipal: por viais, rúas e camiños que son de titularidade do Concello. Desde o Concello de Foz estamos a buscar recursos para sufragar os sobrecustos da prestación de servizos e queremos facelo sen que repercuta nos petos das nosas veciñas e veciños se é posible, especialmente nestes momentos. Esta ordenanza parte dunha auditoría e duns estudos feitos grazas ao convenio asinado coa Deputación de Lugo no 2018, que permitiu marcar as redes e valorar a taxa impositiva que procede cobrar: por poñer un exemplo, do mesmo xeito que debemos pagar por ocupar unha rúa para facer unha obra na nosa vivenda”, explica Fran Cajoto.