Así, o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron un encontro cos apicultores no día de onte, 11 de abril, co obxectivo de chegar a un consenso en canto ás formas de actuación para mitigar os efectos da velutina.
A administración local leva entregando líquido atraínte para elaborar as trampas e así capturar as raíñas durante a primavera, posto que está comprobado que é a mellor época para facelo. Deste xeito inténtase que se materialicen o mínimo número de niños posible no termo municipal.
Desde o ente municipal recomendan seguir o protocolo científico e estatal, que aconsella colocar as trampas ao pé das colmeas, co fin de protexer a biodiversidade da zona.
O alcalde e a edil recordan que o Concello de Cervo estivo sempre en todo momento ao lado dos apicultores á hora de tentar frear a expansión da velutina, “de feito desde o ano 2017 entregamos con carácter periódico este líquido para que eles mesmos confeccionen as súas trampas; xa que, tal e como confirmaron é o que lles resulta eficiente para ir capturando as raíñas” a fin de tentar reducir a formación de niños neste tempo.
O rexedor sinalou que “o obxectivo desta reunión era o de coñecer as súas posturas e intercambiar información coa finalidade de facer unha loita contra a velutina máis efectiva”. Por último engadiu que “nas vindeiras datas farémoslles unha visita a todos os apicultores para levarlles o atraínte como nos anos anteriores”.