Cervo, 06 abril de 2022. O concello de Cervo quere agradecer á Asociación Saúde Mental A Mariña e ao CDR – San Cibrao a súa gran participación en todos os concursos e actividades que desenvolve o ente municipal ao longo de todo o ano.
Nesta ocasión, os usuarios dos dous centros recibiron un premio en forma de chocolate con churros pola súa participación no concurso “Versos de Rosalía” en conmemoración do Día de Rosalía de Castro, que os usuarios da Asociación Saúde Mental A Mariña de Cervo e do CPRL de Burela desfrutaron no día de onte.
O CPRL de Burela gañou o terceiro premio, mentres que os usuarios do centro de Cervo foron galardoados cun premio especial. Ademais, de xeito individual, José Ángel Leiras gañou o segundo premio e Xolo gañou o premio á mellor foto no “Certame de amor na rede”, entregados polo alcalde, Alfonso Villares.
Días atrás, as concelleiras de Servizos Sociais, Pilar Armada e a tenente alcalde, Dolores García Caramés, visitaron o Centro de Día – Residencia San Ciprián para entregarlles o premio especial pola súa participación nese mesmo concurso, que tamén consistía nun chocolate con churros.
O alcalde, Alfonso Villares, considera “moi positivo que os usuarios e usuarias de ambos centros participen de xeito habitual en todos os concursos e actividades organizadas polo noso Concello”.
Para a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, “é moi satisfactorio para nós ver como tanto a Asociación Saúde Mental A Mariña como o CDR – Centro de Día San Ciprián participan nos concursos e actividades que realizamos, xa que lles permite ter unha alternativa de ocio e ao mesmo tempo lles serve como elemento integrador na comunidade”.