Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela sorteou as 42 parcelas dos hortos urbanos tras unha formación sobre os cultivos

Burela, 6 de abril de 2022. O Concello de Burela entregou mediante un sorteo as 42 parcelas dos hortos urbanos situados na avenida Arcadio Pardiñas. A sesión de plenos do consistorio acolleu esta distribución entre os solicitantes despois dunha formación sobre técnicas de cultivo impartida polo técnico agrícola Julio Franco, do equipo de agrotecnia xestora das hortas da Deputación de Lugo.

O alcalde, Alfredo Llano, recibiu aos asistentes proxectando as imaxes do solar e dando indicacións sobre “o inicio deste proxecto que pretende espertar a necesidade de volver a cultivar as hortas propias e de recuperar a actividade agroalimentaria”. Ademais incidiu na importancia de “promover desde as institucións unha alimentación sana, así como recuperar os valores de comunidade e de convivencia nun mesmo espazo e cunha actividade común e beneficiosa para todos”.

O rexedor trasladou o apoio ás persoas que decidiron formar parte da iniciativa, agradecendo “a súa motivación” e agardando que se vaian “vendo pouco a pouco os resultados e que os podamos celebrar cunha festiña da horta na que cada un poda levar o froito do seu traballo”. Aseverou que a intención é botar a andar esta iniciativa “procurando que sexa exemplar, ecolóxica e contribúa a reducir os materiais que deterioran o noso entorno”.

O técnico agrícola Julio Franco, encargado de dar unhas pautas xerais previas ao sorteo das paracelas, instruíu aos asistentes con indicacións sobre os cultivos, dando a información necesaria para saber como se cultiva desde a perspectiva da agricultura ecolóxica. “Unha das cousas máis importantes é conseguir a satisfacción persoal e atopar nesta actividade unha motivación que nos permita tamén estar en contacto coa natureza, polo que debe ser algo voluntario e de entretemento”, explicou, engadindo que “a constancia e o orden son dúas cuestións fundamentais para afrontar esta iniciativa, unha oportunidade para xerar comunidade dun xeito saudable ao tempo que producimos vexetais con certas garantías de consumo”. Franco explicou os ciclos de produción das sementes, que varían segundo a climatoloxía ou a humidade da terra para xerminar nas condicións óptimas.

A preservación do medio ambiente foi un dos eixos principais do seu relatorio, “debemos concienciarnos de que este tema se ten que tomar en serio, e imos empezar polo local para aportar no respecto ao medio dentro das nosas posibilidades e poñéndonos metas alcanzables”.

Unha iniciativa que comeza a dar os seus primeiros pasos para estimular o produto de proximidade, recuperando prácticas que se foron perdendo e que atopa en Burela un lugar cunha implicación cidadá latente e cun compromiso institucional firme.

Exit mobile version