Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela abre o prazo de inscrición para cursar un Certificado de Profesionalidade en Atención Sociosanitaria

Burela, 7 de abril de 2022. O Concello de Burela anuncia a apertura do prazo para a realización dun Certificado de Profesionalidade en Atención Sociosanitaria destinado a persoas desempregadas de longa duración.

Desde a concellería de Servizos Sociais emprazan a todos aqueles que estean interesados a inscribirse a través da dirección de correo electrónica cfo@burela.org, ou ben chamando ao teléfono do Centro de Formación Profesional -982 580 624- de luns a venres de 8 a 15 horas, tendo de prazo máximo ata o vindeiro martes 12 de abril.

Os dous únicos condicionantes para poder realizar este certificado oficial son posuír o título da ESO e ter a condición de desempregado/a de longa duración, xustificando esta circunstancia cun certificado expedido pola oficina de emprego. Neste último punto, deberá recollerse que nos últimos 18 meses figura en situación de desemprego polo menos 12 meses.

A impartición deste curso realizarase no Centro de Formación Ocupacional, desde abril ata agosto, en datas que se darán a coñecer unha vez finalice o prazo de inscrición. As prazas son limitadas e a oferta está aberta a todas as persoas interesadas que reúnan os requisitos.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, subliñou “a oportunidade que supón poder ofrecer en Burela un certificado gratuíto para as persoas desempregadas tanto da localidade como da comarca, nun eido como o sociosanitario con saídas laborais e posibilidades de integración no mercado de traballo, especialmente para aqueles que máis o precisan”.

O Certificado de Profesionalidade en Atención Sociosanitaria é un título oficial que outorga os coñecementos e competencias necesarias para o coidado de persoas maiores ou dependentes, tanto en institucións públicas como privadas.

Exit mobile version