Arias explicou que se trata da segunda edición desta proposta, que percorre distintas escolas de formación en estudos de hostalería da comunidade galega para dar a coñecer entre alumnos e alumnas os produtos e empresas co selo de garantía de Galicia Calidade, da man dos e das chefs máis destacados. Con isto, trata de que as futuras xeracións da restauración na nosa terra incorporen no seu percorrido profesional estes alimentos e recursos de proximidade e da máxima calidade.
Ademais, entre todo o alumnado participante nesta edición sortearase unha comida ou cena para no restaurante da súa elección de entre todos os implicados.
Tamén participou a Fundación Artesanía de Galicia coa vaixela e utensilios empregados no cociñado mediante o proxecto Artesanía no Prato, que busca establecer sinerxias entre artesanía, deseño e gastronomía.
Menú e traxectoria
No obradoiro conducido por Xabier Castrelo, alumnas e alumnos colaboraron na realización de catro platos: polbo cocido no seu propio mollo con xenxibre e pataca chafada con grelos; pescada en papillote de verduras con berberechos; rabo de tenreira recheo de foie e trufa con fabas de Lourenzá; e mirabeles con xeado de limón e viño tostado de Viña Costeira.
As marcas Galicia Calidade implicadas nesta convocatoria foron Bico de Xeado, Viña Costeira, Conservas A Rosaleira, Puerto Celeiro, Terras da Mariña, Jealsa-Rianxeira e Rosa de los Vientos.
Xabier Castrelo formouse como cociñeiro no IES Paseo das Pontes. Aínda que primeiro estudou a carreirra de dereito, a súa traxectoria profesional está vinculada desde hai máis de 15 anos ao restaurante familiar, El Refugio. Situado en Oleiros, o establecemento ten máis de 40 anos de historia e conta co selo de Galicia Calidade, entre outras distincións.
As últimas citas da Aula Gastronómica Galicia Calidade serán no mes de maio. O día 5 visitará o IES Sanxillao de Lugo coa chef Lucía Freitas, para pechar a súa andadura o día 19 en As Pontes, co cociñeiro Adrián Felípez.