Burela, 8 de abril, 2022. Este xoves debatiuse e aprobouse no pleno do Concello de Burela un paquete de medidas con cargo ós remanentes na que se incluían propostas do Grupo Municipal do BNG. En verbas do voceiro do BNG, Mario Pillado, “é certo que nos gustaría que este tipo de proxectos e obras se levasen a cabo xa fai tempo, pero a nosa forma de operar é sempre propositiva. Cremos que obras como a Canceira Municipal, o saneamento da zona de Ril, a mellora da rúa Leandro Cucurny ou a mellora dun solar na zona de Vilar (este cunhas vistas privilexiadas) son importantes para o desenvolvemento da vila”.
Continuou Pillado dicindo que “somos conscientes de que do Plan Integral de Urbanismo, Mobilidade e Seguridade Viaria, que vimos demandando non temos nada, polo que a forma de proceder do goberno local non nos parece a mais axeitada, pero a nosa intención vai ser sempre sumar para o interese da veciñanza”
O Bloque tamén sacou adiante as mocións que achegaba á sesión plenaria.
Na quenda das mocións, os nacionalistas foron quen de sacar adiante as dúas que presentaban. O portavoz do BNG sinalou que “nunha delas sinxelamente fixemos de transmisor da mensaxe que nos deron os sindicatos con respecto á convocatoria da Mesa de Negociación para solucionar a aprobación da RPT, que foi o que se aprobou”.
Pillado engadiu ademais que “a outra era unha moción para que os gobernos da Xunta e do Estado tomen medidas ante a suba de prezos e a crise xeralizada na que nos atopamos en Galiza. Vista a situación actual e logo da masiva manifestación do pasado domingo polas rúas de Compostela cremos que son medidas necesarias e que toda a veciñanza vai agradecer, posto que nestes momentos é cando as administracións teñen que actuar poñéndose de parte das clases populares e non do gran capital”