De igual xeito, a iniciativa impulsada pola portavoz nacionalista de Pesca, Rosana Pérez, insta ao Executivo galego a demandar do central un paquete de medidas adicionais, entre elas: a rebaixa do IVE dos produtos do mar ao tipo superreducido do 4% de forma permanente, como indica a OMS; a exención temporal mentres se manteña a excepcionalidade da situación actual tanto das cotizacións á Seguridade Social como do pago de todas as taxas portuarias que se aplican ás distintas frotas nos portos do Estado localizados en Galiza, así como topar o combustible pesqueiro, tal e como pide o sector, a 40 céntimos o litro.
Así mesmo, en virtude deste acordo parlamentario a Xunta reclamará ao Estado a paralización sine die de todas as normativas europeas e internacionais que se están poñendo ou se pretenden poñer en marcha e que afectan negativamente ao sector, como a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55, o Programa de Acción Medioambiental da UE para 2030 e o probable acordo da OMC sobre a eliminación dos subsidios pesqueiros.
Pérez reprochou ao Goberno galego que aínda non rematara a tramitación da compensación das taxas que cobra Portos de Galiza, “anunciada ata a saciedade”, e que esta fose a única medida xunto á “intensificación” da campaña Galiza sabe amar, en apoio á frota galega, e a “axilización” do pago das axudas que xa están concedidas. “Un paquete de medidas, de tres medidas!, que non son máis que actuacións que deberan ser ordinarias, pero que o Goberno galego quere vender como extraordinarias”, reprendeu.
A deputada nacionalista reprobou que a Xunta busque sempre a confrontación co obxectivo de exercer de oposición permanente ao Goberno do Estado no marco da súa loita partidista e que “negue axudas propias ao sector mentres esixe axudas de emerxencia porque a situación é moi grave”.
Segundo recalcou, a única gran medida tomada ata o momento polo Executivo do PP foi “a de reclamar, urxir, apremiar, demandar, instar a outros a que actúen porque ‘con nós non vai’” e, por iso, concluíu defendendo a idoneidade das medidas acordadas na sesión plenaria de hoxe. “Vostedes recoñecen que a situación é límite, que aínda pode empeorar, mais non só non tomaron medidas efectivas, senón que non se están adiantando, non están prevendo que a cousa pode ir a peor”, afirmou para rematar advertindo que “hai moito tempo, moito antes de febreiro, que se deberan ter tomado medidas”.