Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo acredita na potenciación do consumo de produtos de proximidade

Ribadeo, 30 de abril, 2022. Desde que o BNG volveu a asumir responsabilidades de goberno no Concello de Ribadeo, puxo en marcha unha serie de iniciativas destinadas a fomentar os produtos de cercanía (tanto da nosa horta como do mar). Así, o Mercado dos Domingos foi ideado para dar saída de xeito singularizado á produción hortofrutícola local. Vir nos domingos de verán a Ribadeo para mercar produtos frescos e de calidade é un clásico nos meses de vacacións. Gozar do sabor do Cantábrico na Festa do Percebe de Rinlo é unha cita indispensábel de comezos de agosto. Saborear os pementos de Piñeira, e outras verduras, hortalizas e legumes nas distintas xornadas de degustación feitas ao longo do verán é outro referente máis dos Mercados do Domingo.

Ano tras ano fóronse incorporando pequenas novedades a estes actos. Ao celebrarmos a feira do libro, as Letras no Parque, acordamos facer un agasallo cada día ofertando unha cesta con produtos da horta e libros. E cada vez que convidabamos a algún autor ou autora de libros de receitas achegabámonos con el/ela a visitar o Mercado dos Domingos para darlle a coñecer a nosa horta. Horta e cultura reforzándose mutuamente. Por outra banda, ao celebrarmos o Ribadeo de Tapeo temos un lugar específico para os produtos da nosa horta ao promocionarmos o premio á tapa feita con produtos da nosa horta, a “Tapa Ribadeo”.

En momentos difíciles como os días de confinamento soubemos promocionar a venta directa de produtos da horta. Co programa “Lévancho á casa” puxemos en contacto directo a produtores/as (inscritos no REAGA) e consumidores/as. Facendo da necesidade virtude, fomos quen de afrontar unha situación ben difícil. Esta iniciativa, que tamén se ampliou aos postos da praza, facilitando así as súas ventas nunha situación complicada, veu para quedarse: Ribadeo Agroalimentario pretende potenciar a adquisición de produtos da nosa horta, aspira a dar un novo pulo aos produtos de proximidade facilitando aos pequenos e pequenas produtoras a posta no mercado das súas hortalizas, verduras e legumes.

Comprando produtos da terra realizamos un consumo responsábel que axuda a manter o noso ecosistema, dá vida ás nosas parroquias, e axuda a fixar poboación no rural.

E agora, buscando novas vías de promoción do produto local e de saídas comerciais, estamos a deseñar, en colaboración con outros concellos mariñáns e da comarca eonaviega, en coordinación coa Universidade de Santiago de Compostela, unha estratexia alimentaria participativa destinada a coñecermos mellor, tanto consumidores/as como produtores/as e distribuidores/as, as necesidades da xente á hora de consumir e as limitacións á hora de producir. As familias que sempre viviron no campo ben lembran o proceso de produción, pero as que teñen unha vida urbana de varias xeracións, poden comprender mellor a través desta iniciativa os ritmos de produción. Pero tamén as familias que sempre levaron a cabo unha vida ao carón do campo deben coñecer hábitos de consumo máis urbanos para ver en que medida se poden acompasar uns ritmos e outros. Diso trata esta iniciativa, Eoalimenta: coñecer a cadea alimentaria, as súas problemáticas e ritmos, e tomarmos conciencia todos e todas da importancia de fomentar o consumo local, por potenciar o noso, por manter o noso ecosistema, e por dar saída aos nosos produtos.

Exit mobile version