Burela, 27 de abril de 2022. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o edil de Turismo, Ramiro Fernández, visitaron hoxe o Ceip Vistalegre ante o comezo do programa que dará a coñecer o Camiño do Mar entre o alumnado de primaria, promovido pola concellería de Turismo con fondos do Plan Único da Deputación Provincial.
Os distintos cursos fixeron saídas ao longo da mañá, dinamizadas por dous monitores da asociación sen ánimo de lucro Prato DO, caracterizados para facer un relato guiado por distintos lugares do Camiño do Mar ao seu paso por Burela.
Fernández Rey agradeceu “a boa acollida da proposta tanto por parte do alumnado como polo equipo directivo do Vistalegre e do Virxe do Carme, que terán tamén esta actividade o venres”, porque destacan desde o concello “a importancia de promover o Camiño do Mar como aliciente turístico non só para Burela, senón para toda a Mariña”.
Son moitas as entidades que se están sumando á petición de que este trazado se oficialice como unha das Rutas Xacobeas a Santiago, de forma que se potencie como unha opción a elixir entre os peregrinos, tendo a posibilidade de obter a Compostela como en calquera das outras rutas. Realizaríase percorrendo toda a costa da Mariña Lucense e boa parte da Costa Ártabra, supoñendo Burela un punto chave nesta variante do Camiño Norte.
“Non queremos deixar de aproveitar esta ocasión para tratar de dar visibilidade a esta ruta e explicarlle a toda a sociedade o que é o Camiño do Mar, por onde pasa, as paisaxes e paraxes que percorrerán e, en definitiva, situalo como unha opción atractiva para as persoas que realizan o camiño”.
Desde a área de Turismo comezan polos máis cativos, no día de hoxe no Ceip Vistalegre e o venres no Ceip Virxe do Carme. Un proxecto para dar a coñecer esta ruta adaptada ao público infantil, e “un chanzo máis para conseguir que se oficialice como un camiño recoñecido pola Xunta de Galicia”, afirmou Fernández Rey, engadindo que “é positivo que os pequenos e pequenas se vaian familiarizando, coñecendo a fauna e flora deste trazado desde unha perspectiva medioambiental, e continuando coa aposta do concello por convertelo nun motor económico, turístico e hostaleiro para o noso municipio e para toda a comarca”.