Site icon Crónica3.com A Mariña

“Nin todo vale, nin todo conta, nin todo suma”, por Fernando García Cadiñanos

Co 1º de Maio celebramos a Festa do Traballo. É unha xornada na que, desde diferentes perspectivas, achegarémonos a reflexionar xuntos sobre esta dimensión fundamental na vida das persoas que é o traballo. Trátase dunha acción tipicamente humana que, non soamente nos afecta cuantitativamente no que a el empregamos de tempo, senón que cualitativamente tamén nos condiciona polo que se refire á calidade, as condicións, as formas, as repercusións…

Precisamente hai uns días tiven un encontro con algunhas persoas que me relataban as dificultades que estaban a ter para o acceso a un emprego digno. Entre as súas historias afloraban os problemas para conciliar a vida familiar, especialmente o coidado dos máis pequenos, coa súa xornada laboral. Tamén me narraban historias concretas de explotación laboral, en ámbitos diversos, pero especialmente empregadas domésticas, onde realizaban traballos sen contrato, ou cun maior número de horas do que figuraba, ou sen dereitos a algunhas prestacións. Tamén se queixaban de que as subidas dos prezos facían que non chegasen a final de mes, incluso tendo un contrato legal. E os mozos presentábanme un futuro incerto a pesar da súa formación, do encadeamento de moitos contratos que lles condenaban a non poder afrontar proxectos estables de futuro, como crear unha familia ou ter fillos.

Son estas algunhas das historias que, estou seguro, cada un de vós poderiades complementar coas vosas propias, coas dos vosos fillos ou veciños. Historias que se multiplican na nosa diocese, tan castigada no seu futuro industrial como xa visibilicei no seu momento. Historias concretas que nos axudan a percibir que o traballo non é só unha maneira concreta de gañarse a vida, senón que é un instrumento para crecer como persoas, para relacionarse con outras, para construír comunitariamente o ben común do que participamos, para compartir dons e expresarse persoalmente, para colaborar con Deus na obra da creación.

Se estas son as dimensións concretas que todo traballo humano ten, paréceme xusto o lema dun cartel que vin ao preparar esta reflexión: “Nin todo vale, nin todo conta, nin todo suma”. En efecto, non calquera traballo vale, nin conta, nin suma. Non calquera traballo pode ser considerado nin digno das persoas nin decente á súa condición. Hoxe, a concatenación de crises que estamos a vivir afonda e profunda terrible e dramaticamente a precarización no emprego.

Trátase por tanto dun gran reto que habemos de afrontar socialmente porque, como nos lembra o papa Francisco, “o gran tema é o traballo”. É preciso volver descubrir e profundar na verdade da propia economía, que non é outra que o servizo á persoa e á súa dignidade. Por iso, os sistemas de produción, e o sistema económico que o sostén, han de velar pola dignidade do traballo. Fronte ao economicismo imperante e a liberdade absoluta do mercado é preciso reivindicar a centralidade da persoa. Igualmente, a política, nos seus diferentes niveis, ha de promover un traballo para todos que xere un ambiente social construtivo. Este é o obxectivo da política boa, da “mellor política”, que sabe construír o ben común sobre o cimento da persoa.

Certamente, o obxectivo non é nada doado. Para iso, urxe cambiar o paradigma económico que o impregna todo para substituílo por un novo modelo humanista e humanizador. Nesta tarefa atópase a Doutrina Social da Igrexa, que tería que ser máis coñecida, reflexionada, predicada e practicada. Desde a clave do fermento e do gran de mostaza, estou seguro que esta mensaxe pode ser percibida hoxe como unha gran esperanza para todo o mundo do traballo e os seus actores. É a esperanza que se edifica desde a sabedoría do corazón e que crea a auténtica fraternidade que está na base do 1º de Maio.

O voso irmán e amigo.
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version