Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo celebrará As Quendas do 29 de abril ao 1 de maio

Mondoñedo 12 de abril 2022: Mondoñedo celebrará as súas tradicionais feiras e festas de As Quendas entre o venres 29 de abril e o domingo 1 de maio, cun amplo programa de actividades, que está a ultimar a Asociación organizadora, a través do que, como é tradición, poñen en valor os recursos agrícolas e gandeiros da zona, ademais de fomentar e apoiar a actividade cultural, a literaria e a musical.

O presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, explica que, “tras dous anos sen celebrárense As Quendas, dada a situación pandémica que afectou ao país, nesas datas estábamos confinados ou en estado de alarma, este encontro volve con forza, sen esquecer a súa esencia pero acumulando novidades. Durante estes dous anos traballamos na organización dunhas San Lucas que se adaptasen ás circunstancias que estabamos a vivir e agora, esforzámonos en que As Quendas, traian de novo a Mondoñedo o seu esplendor característico, sendo un dos incentivos anuais de importancia para o noso patrimonio cultural e tamén unha clara aposta polos produtos de proximidade e polas nosas razas de gando e a gandería sostible”.

A feira, unha das de máis tradición de toda Galicia, que dá comezo á tempada de feiras e festas, arranca o venres 29 de abril co pregón que este ano pronunciará no auditorio Pascual Veiga, ás 20:30 horas, Claudia del Pino Martínez, profesional do turismo, formadora e guía de turismo oficial, traballou na oficina de turismo de Mondoñedo e é colaboradora habitual da Asociación As San Lucas

‘Nais’
O sábado 30 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Pascual Veiga terá lugar a comedia ‘Nais’ de Marc Egea e dirixida por Javier Mariño. A historia xira ao redor de dúas nais novas, ás que dan vida a coñecida colaboradora do Land Rober Eva Iglesias e a presentadora Inma Morandeira, e que se enfrontan a dúas maternidades moi diferentes. As entradas están a venda no portal www.woutick.es

Día grande das festas
O día grande das festas, o domingo 1 de maio, será a xornada na que gocen de especial relevancia os produtos de proximidade e as razas de gando galego. Dende as 9:00 horas, celebrarase a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar no Campo da Feira, haberá postos nas rúas e terá lugar a tradicional festa da Empanada. E como se ven facendo dende 2014, a actividade cultural Mondoñedo é Poesía desenvolverase tamén durante esta xornada convertendo a Mondoñedo o día 1 de maio na capital galega da poesía.

En canto ás orquestras, poñerán música na Alameda, o venres 29 de abril. Grupo Fusión; o sábado 30, a orquestra Ritmo Joven e o Grupo Eureka; e o
1 de maio a orquestra La Favorita.

A Asociación As San Lucas dará a coñecer o programa completo das Quendas 2022, nos vindeiros días.

Exit mobile version