Mondoñedo, 23 de abril de 2022. A xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, acompañado do alcalde da localidade, Manuel Otero, e do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda, Vidal Martínez, participou na inauguración do maratón de emprendemento “Revolta Rural” no Pazo de San Tomé de Mondoñedo na que participan ao longo desta fin de semana máis de cincuenta emprendedores da zona.
O programa desta actividade, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, céntrase en potenciar o emprendemento e a implantación de novos modelos de negocio, creando solucións innovadoras e asesorando a través de mentores co obxectivo de potenciar o emprendemento en zonas rurais, diversificando os sectores socioeconómicos do territorio.
Ao longo das dúas xornadas presentaranse varios proxectos de emprendedores dos territorios cubertos polos GDR organizadores, o GDR-1 Terras de Miranda, GDR-3 Montes e Vales Orientais e GDR-21 Seitura 22. Os 12 proxectos seleccionados terán un premio en metálico e recibirán mentorización por parte de profesionais da incubadora Rural de Caixabank durante 6 meses.