Lugo, 25 de abril de 2022. O Correlingua volverá ser en 2022 unha das grandes actividades arredor da lingua nos centros educativos galegos. Máis de vinte festas entre este próximo maio e o vindeiro outono dinamizarán o uso da lingua en distintos centros educativos galego, levando ata eles concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua.
Esta nova edición do programa, organizado pola Asociación Correlingua, a Mesa pola Normalización Linguística e a Asociación SocioPedagóxica Galega, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e das outras tres institucións provinciais, presentouse esta mañá no Pazo de San Marcos e comezará a súa actividade nos colexios nos primeiros días de maio.
Como explicou na presentación Xesús Bermello, presidente da AC Correlingua, “aínda que xa estamos quitando as mascarillas e recuperando a normalidade, non foi posible este ano recuperar as carreiras e seguimos na liña dos anos anteriores, coas festas e as actividades nos centros”. Bermello apuntou que se está rexistrando unha grande participación por parte dos colexios e salientou o calendario en dúas quendas que, na práctica, extenderá o Correlingua por case todo o curso.
Para a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, “O Correlingua demostra a vitalidade arredor da lingua no mundo do ensino e desde a Deputación cremos que estamos na obriga de colaborar con estas propostas, especialmente cando vemos que a institución que debería facelo, a Xunta de Galicia, se desentende por completo de participar”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou o que un evento como Correlingua significa. “Demostra que hai moito activismo no ensino galego arredor da lingua, que hai unha grande motivación coa lingua e coa súa promoción”. Maceira sinalou que esta actividade “non pode ser ignorada todos os anos pola institución que xustamente ten as competencias educativas, como fai a Xunta de Galicia ao non apoiar ao Correlingua”.
Ana Vigo, da AS-PG, adiantou na presentación en Lugo as actividades que percorrerán os centros educativos galegos baixo o lema Fálame!, que este ano protagoniza o evento. Vigo apuntou as dúas quendas de actividades deste ano: unhas que comezará nos primeiros días de maio e que percorrerá as provincias de A Coruña e Pontevedra, e unha segunda quenda en outono que viaxará a centros das provincias de Ourense e Lugo. Correlingua está recuperando o seu formato plenamente presencial, pero algunhas das súas festas serán, como en anos anteriores, emitidas port You Tube. O Correlingua 2022 finalizará o 26 de outubro cunha festa que terá lugar no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.
As actividades principais serán os concertos que compartirán espazo con obradoiros, regueifas e outras actividades nos colexios, pero que tamén se celebrarán en teatros, auditorios e en algúns espazos ao aire libre.
O cartel das distintas festas estará encabezado polo grupo gañador do concurso Cantalingua celebrado semanas atrás e do que resultou gañador o grupo Mekánik Rolling Band. Tamén participarán nos concertos das festas os dous finalistas desta mesma convocatoria, Paco Nogueiras e Pauliña.
Datas e localidades de celebración das festas durante a primeira fase do Correlingua 2022
A CORUÑA
11 de maio Santiago, na Alameda
18 de maio Carballo, no Auditorio Pazo da Cultura
31 de maio Narón, no Pazo da Cultura
PONTEVEDRA
4 de maio Pontevedra, na Alameda
12 de maio A Estrada, no Teatro Principal
19 de maio Vigo, no Auditorio Municipal
20 de maio Tomiño, na praza do Seixo
27 de maio Cangas, no Auditorio Municipal
Lugo e Viveiro acollerán as festas do Correlingua en Lugo
As festas continuarán nos meses de setembro e outubro nas provincias de Ourense e Lugo. Na provincia de Lugo, os eventos celebraranse o 5 de outubro en Viveiro e o 26 de outubro en Lugo.
Máis info: https://correlingua.gal/novidades/